sol de area

Manoel Toural Quiroga (texto e ilustración)


NON á GUERRA!


invéntante o inimigo e logo, por que non te deixan ouvir o que di?

fuxir dos homes das mulleres mordendo desenfreados o esterco do mentira

tes as bágoas como un solar ferido onde estoupan as veas convertidas en bombas

lama de lume biblioteca das sementes de todos os velenos agachados nos camiños

a vida non vai crecer sobre os mortos co corazón baleiro de dúbidas e de mar

mortalidade catastrófica dos sentidos nas horas que xa non son segundo

chegan as balas transparentes para inventar o vermello esprego do sangue nú

un dia tiven zapatos e palabras vós sementeiros do tempo araxe da morte

lonxa das ondas necesarias para cruzar o mar no vento hipócrita dos que saben

andamios sobre a luz dos brazos acoitelados dos cristais desgastados de haber sido

soidade glacial do amor que quere habitar a pel na fonte seca a sombra dos loureiros.


a guerra ela sempre tan parcial derrota covarde do sorriso e as follas do beixo

o sangue non é ledicia nen soño nudez dos que inventan a alma e os pasos

bravura do teu pensamento convertido en lombo desgarrado polas fosas

fica o ruído e o valente xugo da nada onde todos deixamos de saber.


iras cumprindo anos como se foses unha bota ensanguentada e esquecida

untada pola sombra dos mortos dos que se fala e non se sabe o que foron.