Manoel Toural Quiroga (texto e ilustracións)
Toda a miña febre
O pequeno, o neno feliz. Medraba no subsolo do tempo. Amarrou a miña ollada nas follas do piñeiro dos meus soños. Murmurios para atinxir o libre significado dos latexados. Simplifico as siluetas diluídas do reloxo, unha treboada de equilibrios provoca un rancio desasosego no obxecto pueril do silencio, atrapado na pancreática visión dos desfiles humanos que repousan na pitagórica vixilia do can cérbero do tempo. Arracimando os estercoleiros dos homes, eses que desdeñan a briosa liberdade da sen-razón.
Hai unha semente que desborda as paisaxes e convérteos en punto: O Amor. Un horizonte lendario sen volume, sen moléculas, calado. Unha orde que lanza couces soberbias sobre os estertores dos amantes decapitados no momento da caricia carnal. Un tráfico de ruído metálico, cabalgando as sombras dilatadas dos tímpanos dos recen nacidos.
Teño unha pupila no bordo famento do amañecer, abranxendo a espera dos teus silenciosos latexados, os que eu só ouzo.
Teño a outra pupila no bordo sedento do meu anoitecer, que medra sobre as pólas silenciosas do teu fuxido, o que eu só espero.
Amañecer e anoitecer que me busca no teu camiño para me atopar , agora si, no abismo dos opacos e refinados séculos mouros da memoria. Onde hai un xardín esfiañado que azouta estarrecendo estes pensamentos. Cando unha pomba sen cor, como a auga, separa o bordo do destino, que non existe antes da pregaria cultural e rexurdida dos responsábeis habituais do maquillaxe. Non poderán esas sombras estragar tamén, o aceiro das navallas namoradas. Cando aínda non estás comigo e che espero, posúo a esponxa do intre disolta nas miñas veas, o que arquiva o aburrido cuartel dos martelos. Os curas, os xerais, os homes sen tempo para existir, non impedirán o que todas as bolboretas xuntas no seu aseteo, podan apagar o lume esculpido nas xemas da túa carne.
Quérote moito máis que eu imaxino. Non estorbo cando sinto que a soidade que posúo enteira penetra a túa presenza exacta. É un preludio o que me fai esperar o fin de todas as palabras, para ir a toparme co teu desexo agachado na miña carne. Ámote mais alá das noites e dos vellos carrís que transitamos. Ámote como amo a tinta do silencio. Ámote sen saber como perderme na preamar do teu acollido. Ámote sempre máis que a existencia de todos os fillos caídos de todos os bordes do universo.