EQUITACIÓN
de XIS
TEQU
(ilustracións)
Manoel
Toural Quiroga (fotografía)
Os nosos cancioneiros conservan só unha
cantiga diste autor. Con certeza non sabemos nada del até o presente, aínda que
a crítica tentou atoparlle un
significado ao seu nome. Trátase dun alcume: Mendiño, diminutivo de Mendo, un
home de baixa estatura ou cicais un bufón?
Tomando como punto de partida (ademais do seu
nome) o lugar que cita Mendiño na súa cantiga: a illa de San Simón, tense especulado
ca probabilidade, por exemplo, de que o seu nome teña que ver co topónimo Mendo
de Teis (Vigo) e tamén, na documentación gardada no Museo de Pontevedra,
aparecen referencias á rúa medieval dos Mendinos, que parece remitir a un
colectivo non identificado; familia ou gremio así nomeado. En canto á mención na
cantiga da Illa de San Simón permite establecer algunha relación de proximidade
vital.
Por outra banda, Resende de Oliveira indicou que
o nome non era descoñecido en Portugal, pois aparece nas Inquiriçoes de Afonso II (1220) e Afonso III (1258). Nas de Afonso
II, nos reguengos do termo “Vimaranensis" (Guimaraes), concretamente na
localidade de Santa Eufemia de Fiiz, figura un Menendinus, despois nomeado
Meendinus, no concello da mesma localidade, e como Meendino, na lista de bens
das diferentes Ordes. Así mesmo, rexístranse outros Menedini en Santo Xacobo de
Candooso, en Santo Salvatore de Codessosa, no partido xudicial de Pedralvar e
noutras localidades presentes nos devanditos textos lexislativos. As Inquiriçoes de 1258 documentan outro
individuo do mesmo nome na localidade de Santo Martín de Vaasoes, no partido
xudicial de Froyam.
Existen diversas translacións da cantiga dende
os orixinais conservados amplamente discutidas. Nós acó propoñemos a seguinte:
Ser-ía me eu na ermida de San Simion
e cercáronme as ondas, que grandes son!
Eu atendendo meu amigo, eu a
Estando na ermida ante o altar
cercáronme as ondas grandes do mar.
Eu atendendo meu amigo, eu a.
E cercáronme as ondas, que grandes son!
Non hei barqueiro nin remador.
Eu atendendo meu amigo, eu a.
E cercáronme as ondas do alto mar;
non hei barqueiro nin sei remar.
Eu atendendo meu amigo, eu a.
Non hei barqueiro nin remador
e morrerei fermosa no mar maior.
Eu atendendo meu amigo, eu a.
Non hei barqueiro nin sei remar
e morrerei fermosa no alto mar.
Eu atendendo meu amigo, eu a.