Manoel Toural Quiroga
TEQU (ilustracións)
Os cronistas condenam D. Tereja namorada do nosso
Conde Fernão Peres de Trava,
e D. Leonor, namorada do outro
nosso Conde Fernandes de Andeiro;
mas a nós quer-nos parecer que semelhantes amores
são o símbolo da política integralista
que deveu ter seguido Portugal.
Castelao
Seguindo o que indica Castelao, é certo que até os nosos
dias a historiografía do nacionalismo portugués e a española soslaían interesada
e sistematicamente calquera análise rigorosa que faga mención tanto aos feitos
históricos concretos como aos personaxes que os protagonizaron e que
conformaron o pasado e o presente da nosa nazón. Unha vez máis, pódese
constatar que os estados peninsulares e outros construíron e lexitimaron a súa existencia
baseándose na virtualidade máis axeitada para cada un deles, para así adecuar e
soslaíar as súas contradicións.
A figura do fidalgo Xoán Fernández de Andeiro é un
exemplo do enunciado. Descoñecido entre
nós, foi vilipendiado en Portugal e
utilizado para xustificar e reforzar a independencia portuguesa no século XIV,
a pesar de ter sido quen por primeira vez estabeleceu as tradicionais relazóns
diplomáticas entre a Grande Bretaña e Portugal, mantidas até o presente.
Aínda que foron varios os autores que se teñen ocupado da súa
peripécia vital, non embargantes chámanos a atenzón que non exista ningún
traballo, que vaia máis alá de sinalar a súa orixe coruñésa, que se dedicase aos
seus primeiros anos e que tampouco ninguén haxa desvelado a importancia da
bisbarra onde naceu. Isto permítenos achegarmos para mostrar a relevancia
destes lugares situados ás aforas da cidade de A Coruña e que na actualidade presentan
un carácter marxinal na historia do noso país.
Andeiro é con certeza un personaxe controvertido do século
XIV. Posibelmente foi un aventureiro dotado de certo xeito para estabelecer
relazóns co seu entorno, o que hoxe denominaríamos como “don de xentes”. A súa
vida corre en paralelo coa de outros representantes da alta nobreza laica
galega, tais como Fernán Ruíz de Castro e ambos defensores da causa “petrista”,
máis alá da morte do mesmo rei Pedro I (denominado como O Cruel ou O Xusticeiro). Este grupo de
nobres, coa defensa dos seus intereses de clase, trataron de canalizar e
afianzar unha estratexia plenamente definida dentro dunhas coordenadas
luso-galegas e por extensión atlánticas, da que quizais puidese ter participado
Castela. Á postre, de se levar a bo porto esta dinámica ben puidese situar a
Galiza como estado independente no correspondente tempo histórico.
A fidalguía en Galiza
Aínda que se impuxo o
significado español de fidalgo “fillo de algo” (vocábulo que á súa vez procede
do galego fillo d´algo), na Galiza medieval este termo designaba aos nobres de
estirpe. É dicir, aqueles cuxos devanceiros sempre foran nobres e cuxa orixe
non podía saberse, a diferenza dos nobres de nacemento que eran aqueles que de
orixe plebeo foron ennobrecidos. Neste marco concreto
habemos de situar a fidalguía de Andeiro, un nobre de estirpe que pola súa condición
de tal atinxiría posto de relevo na cidade de A Coruña, como semella ser que
foi o de gobernador e co que iniciaría a súa peripécia vital.
Como sinala o historiador portugués Fernao Lopes na súa
“Chronica de o-Rei D. Fernando”, seria Andeiro un dos que sairia a receber ao
rei Fernando I de Portugal, tras ter sido proclamado rei de Galiza polos
defensores da causa de Pedro I: “N´isto, chegou o ren D.Fernando á vista do
logar e dá-vos vila o sahiram todos a receber, e entre elles Joao Fernandez
Andeiro, que era o mais honrado do logar, porque as outras xentes sao d´elle
pescadores e outros homens nao de grande conta. E Joao Fernandez, porque Aínda
nao vira o-rei de Portugal, ia dizendo alta voz entre vos outros todos: “Hu vem
aqui meu senhor o-rei D.Fernando”. O rei ao ouvir isto, deu espuelas ao cabalo
en que montaba e contestou “Eu sou, eu sou!“. Entón Andeiro beixou-lle a man e
o próprio fixeron os que o acompañaban. Deste xeito posesionouse de A
Coruña o monarca portugués.
Os fidalgos de Andeiro
Atopámonos a orixe familiar dos fidalgos de Andeiro na
bisbarra das Mariñas dos Freires, no lugar de Andeiro pertencente ao concello
de Cambre. Aquí, onde aínda permanecen as ruínas da súa casa solarenga
destruída no século XV polos Irmandiños, nacería Xoán Fernández (c.1320-6). Descendínte
dunha das famílias nobres (fidalgas) máis antigas e importantes das Mariñas que
atinxirían a súa máxima puxanza na época de maior esplendor da bisbarra.
Restos da casa solarega. Andeiro |
Muiños de Cea da Ma |
Será a partir deste momento que a urbe de A Coruña
conseguirá a superioridade na bisbarra converténdose nun enclave dependente da
autoridade real, libre de vasalaxe ao clero e aos señores feudais que se repartían
o resto do territorio galaico. Razón é polo que é neste lugar onde se atopaban
unha boa parte dos defensores da causa de Pedro I.
No século XIV, tras a desaparición da Orde do Temple, o señorío
de O Burgo pasaría a depender da familia Andrade. Unha das familias, tanto de
Galiza como de fora, que gozarían do favor do rei Enrique de Trastámara polo
apoio emprestado á súa causa en contra do rei lexítimo Pedro I.
A defensa dó petrismo
En xullo de 1366
Pedro I convocou, no Castelo de Monterrei en Verín, unha xuntanza de cabaleiros
galegos (entre eles Andeiro) fieis a súa política. Alá debaten a estratexia a
seguir fronte aos repetidos intentos do seu medio irmán Enrique para lle
usurpar a coroa. Nun primeiro momento deciden saír ao encontro de Enrique para
defender as cidades de Astorga e Zamora, pero ao final o Rei opta por desprazarse
a A Coruña e embarcar cara a localidade francesa de Baiona acompañado por
Andeiro e Men Rodríguez. En setembro serán recibidos en Libourne polo Príncipe
Negro, á sazón príncipe Eduardo de Woodstock, Señor de Aquitania e fillo de
Eduardo III de Inglaterra. Alí, xunto con Eduardo III e Carlos II de Navarra,
Pedro I asinará o Tratado de Libourne, prometendo a ambos xenerosas recompensas
a troques da súa axuda para recuperar o trono.
A comezos de 1367
as tropas da coalición entran en Castela por Navarra e o 3 de abril dese mesmo
ano ambos exércitos enfróntanse na localidade castelá de Najera. A batalla
saldase cunha esmagante vitoria dos exércitos do rei Pedro. Enrique fuxe a
Francia a través de Aragón e Pedro inicia unha dura represión contra os seus
adversarios, pola contra negase a cumprir o pactado no Tratado. Ante esta situación, as tropas inglesas
abandonan a Pedro I, en tanto que o monarca navarro, decepcionado ante a falta
de pago, volta ao seu reino deixando a Pedro no seu trono pero sen exército que
o defenda.
Ante tal
situación, Enrique de Trastámara de novo entra en Castela e pouco a pouco vai
conquistando cidades nas que os únicos espazos que manteñen a súa fidelidade ao
petrismo son as xuderías e os castelos. Para acelerar o final da contenda Enrique,
paralelamente pacta con Francia quen lle envía ao cabaleiro Bertrand
Duguesclin. Pedro, que se atopaba en Toledo, refuxiase no sul perseguido polas
tropas do seu medio irmán e os seus aliados franceses. Só uns poucos nobres,
entre os que se atopan Andeiro e Men Rodríguez, o acompañan na súa viaxe. O Rei
recala en Montiel e o 14 de marzo de 1369 desenvolvese unha batalla claramente
gañada polas forzas de Enrique. Días mais tarde, na noite do 22 ao 23 de marzo,
prodúcese o desenlace no que Pedro é asasinado a mans do seu medio irmán
Enrique.
Coa morte do rei Pedro non acaba a loita, e os nobres
lexitimistas co acordo dos concellos galegos, negan as pretensións de Enrique e
recoñecen como rei a Fernando I de Portugal (1369), para que abandeire o lexitímesmo
dinástico fronte á usurpación de Enrique II de Castela, segrándolle que:
“levamtariam voz por elle (...) e que lhe dariam as vilas e o reçeberiam por
senhor, fazemdolhe dellas menagem”.
A entrada en Galiza de Fernando I foi triunfal, sendo
aclamado en todas as vilas e cidades que atravesaba como Allariz: "os da
vila o sairom todos a reçeber". Como xa sinalamos, á súa chegada a Coruña saiu a recebelo Andeiro.
Medio tornés acuñado en A Coruña |
Aínda que a alianza con Fernando I non duraría máis de tres
meses, a corte chegouse a instalar en A Coruña co apoio de Andeiro. Ao mesmo
tempo, Fernando I dispuxo cuñar moeda de ouro e prata en A Coruña -onde xa existía
unha ceca (casa da moeda) desde o reinado de Afonso IX (1171-1230)- e en Tui,
dando testemuño da súa validez na circulación.
Enrique II de Castela, coñecedor dos feitos, convocou o seu
exército e marchou sobre Galiza o que fixo que Fernando I voltase a Portugal
deixando a defensa do territorio en mans de Nuno Freire de Andrade e Xoán
Fernández de Andeiro. Nos anos seguintes todo isto desencadearía as coñecidas
como Guerras Fernandinas que á postre
saldaríanse con derrotas para os petristas.
Exilio
En marzo de 1371 as tropas galegas foron derrotadas na
batalla de Porto de Bois (Lugo), o que significaría a caída do último reduto
petrista na península, certificado nese mesmo ano coa sinatura do Tratado de
Alcoutim. O acordo estabelecía, entre outras disposicións, que todos os
petristas deberían de abandonar as súas posesións en Galiza, o que ocasionaría
que moitos deles buscasen refuxio en Portugal e Inglaterra. Como resultado da
derrota, Enrique II de Castela substituiría a boa parte da nobreza galega por
nobres casteláns ou galegos adeptos á súa causa.
Non obstante, en 1372 asinase un novo acordo segredo entre
Fernando I e o duque de Lancaster para expulsar ao rei castelán Enrique do
trono. O acordo fora logrado grazas á intercesión de Andeiro ante a corte
inglesa, á que ofrecería tamén a coroa de Galiza ao duque de Lancaster.
Este acordo asinado o 10 de xullo de 1372 entre o rei
Fernando I e os delegados de Xoán de Gante, duque de Lancaster, é coñecido como
Tratado de Tagilde por ter sido asinado nesa localidade. Constitúe o primeiro
fundamento xurídico do histórico e tradicional tratado da alianza
Luso-Británica, que aínda hoxe perdura.
Moitos dos nobres galegos, entre os que se atopa Fernando
Ruiz de Castro, tamén refuxiado en Portugal, se soman ao proxecto e voltan a
entrar en Galiza. Non embargantes e debido á superioridade militar de Enrique,
os petristas voltan a ser vencidos, invadindo o rei castelán Portugal en
decembro de 1372. Chegado as portas de Lisboa impón a sinatura do Tratado de
Santarem (1373), no que se determina a expulsión de todos os petristas de
Portugal e que significaría unha auténtica diáspora dos nobres galegos e o
final dos mesmos como grupo de resistencia.