Sobre a Natureza

Parménides
TEQU (ilustracións)

Con Parménides aparece a metafísica e mais a ontoloxía na filosofía. Viviu a finais do século VI a. C. e na primeira metade do V a. C. Nado en Elea (Velia, Italia). 
Herma que parece falar de Parménides


Nas escavacións do sitio arqueolóxico de Velia en 1966, atopouse o que se ten polo seu busto. Non embargantes, parece semellarse a outras cabezas  esculpidas do filósofo epicúreo Metrodoro. No mesmo lugar, anos antes, en 1962, atopouse un piar (herma) ca seguinte inscrición: Parménides, fillo de Pires,Ouliádes, filósofo da natureza (physikós).

Velia
Do seu poema consérvanse 19 anacos. Escrito en hexámetros, versificación  usada polo común, na poesía épica e na didáctica grega e latina. Empregouse nas principais epopeas: A Ilíada e A Odisea, A Eneida, etc. Na  didáctica: De rerum natura e As Metamorfoses, etc. O tido do poema aparece en Simplicio e non é seguro que llo impuxera o autor.
Limiar


ANACO I

Os corceis arrástranme, tan lonxe como o ánimo arela
me levaron. E unha vez que no renomeado camiño
da Deusa me puxeron, o que leva ao barón sapiente a través dos poboados,
por alá me conduciron. Por alá levábanme os xeitosos corceis
tirando do carruaxe; as doncelas indicaban o camiño.
nos cubos do eixo con estridente son renxían
ardendo (acelerado por dúas vertixinosas
rodas, de ambos lados) cando se apresuraban a escoltar
as doncelas Helíadas, abandonadas xa as moradas da noite
cara a luz, habendo coas súas mans os veos da cabeza retirado.
Alá [están] as postas dos carreiros da noite e do dia
e en torno a elas, lintel e limiar de pedra,
e elas mesmas, etéreas, pechadas por inmensas batentes follas
das que Dike, a dos múltiples castigos, as chaves garda de duplo uso.
faláronlle as doncelas con moles palabras
e sabiamente persuadiron a que o encravellado ferrollo
prontamente das portas lles sacase. E estas da entrada
o inmenso abismo produciron ao abrirse . Os brónceos
postes nos seus gonzos un tras outro xiraron
de crávellas e pernos guarnecidos. E o través das portas,
dereito polo camiño, carro e cabalos as doncelas conduciron.
E a deusa benevolente recibiume; coa súa man
a miña man dereita apañando, con estas palabras a min se dirixiu:
Mancebo, compañeiro das inmortais contuctoras !,
Benvido sexas, ti, que a nosa morada chegas, cos cabalos que te traen
saúde! que non unha má moira che enviou a seguir
este camiño (pois fose do carreiro dos humanos está),
senón Themis e Dike. E así terás todo que coñecer,
tanto da ben redonda verdade o corazón imperturbable
como dos mortais os pareceres nos que verdadeira fidelidade non hai,
e aprenderás tamén isto: como o múltiple semellante
tiña que facerse aceitabel, penetrando todo por todas as partes.


ANACO II

Pois ben, eu che direi -coida a túa da palabra escoitada-
as únicas vías de indagación que se botan de ver.
A primeira, que é e que non é posíbel non ser,
de persuasión é carreiro (pois á verdade segue).
A outra, que non é e que é necesario non ser,
un carreiro, che digo, enteiramente impracticábel.
Pois non coñecerías o non ente (non é facedeiro)
nin dici-lo poderías en palabras.


ANACO III

...pois o mesmo é intelixir e ser.


ANACO IV

Pero olla: o ausente está á vez firmemente presente para o noûs,
porque [o noûs] non apuntará o ente da súa conexión co ente,
nin espallado por todas partes e de todos os modos segundo unha orde,
nin reunida en sólida consistencia.


ANACO V

Indiferente é para o meu por onde comece, pois alá retornarei de novo.


ANACO VI
Necesario é dicir e intelixir que o ente é. Pois é ser
pero nada non é. Intímoche a que todo isto penses.
E primeiro desta Vía de indagación eu te aparto,
pero entón tamén daquela por onde os mortais que nada saben
van errantes, bicéfalos: pois o desconcerto nos seus
peitos dirixe o errabundo noûs. Arrastrados,
xordos á vez que cegos, estupefactos, masas indecisas
para quen ser e non ser son o mesmo
e non o mesmo, e o carreiro de todo é revertinte.

Fresco de Pompeia

ANACO VII

Pois nunca isto dominarás: ser os non entes.
Aparta teu pensamento desta Vía de indagación;
nin o costume da experiencia adquirida che force por ela
a axitar o ollo sen vista e o ouvido estourante
e a lingua; mais discirne co logos o polémico reproche
por min expresado.


ANACO VIII

Un só dicir aínda como vía
fica: que é. Por esta vía hai signos distintivos
moitos: que o ente inxénito e imperecedoiro é.
porque é único, imperturbable e sen fin.
Non era algunha vez, nin será, pois agora é, toda á vez.
un só, compacto. Pois, o que nacemento lle buscarás,
como, de onde medrou? Non che deixo "do non ente"
dicir nin intelixir, pois nin dicíbel nin intelixíbel
é que non é. E que necesidade o habería impelido
despois o entes, se comezou da nada, a chegar a ser?
E así ou o todo ser é necesario ou non [ser].
Nin xamais do non ente permitirá a forza da persuasión
que cheguei a ser algo xunto a el. polo cal nin chegar a ser
nin deixar de ser permitiu Dike, soltando cadeas
senón cas retén. A decisión sobre isto consiste no seguinte:
é ou non é. Pero xa está decidido, como [é] necesidade,
que unha [das vías] é impensábel, sen nome (porque non é verdadeiro
camiño), en troco, a outra é e é xenuína.
Como podería despois deixar de ser os entes? Como chegaría ser?
Se chegou a ser, non é, nin tampouco se vai ser algunha vez.
E así se extingue a xénese e ignota [é] a ruína.
Nin tampouco é divisible, porque é enteiro igual.
Nin é algo mais por aquí, que lle impediría ser compacto,
nin menos, pois está enteiramente pleno do ente.
E así é enteiro compacto. Pois o ente confina co ente.
Pero imóbel nos limites de inxentes vínculos
é, sen principio, sen cesación, pois xénese e ruína
moi lonxe foron apartados; expulsounos a firmeza verdadeira.
O mesmo no mesmo permanecendo en se mesmo xace,
e así firmemente aí mesmo fica. Pois a poderosa Ananke
O retén en vínculos do limite, que o pecha en torno:
polo cal, é divina disposición que o ente non é consumado,
porque non é indixente; en troco, se fose o non ente, de todo carecería.
O mesmo é o intelixir e aquilo e aquilo polo cal o intelixir é.
Pois non sen o ente, do que depende, unha vez expresado,
atoparás o intelixir. Pois nada é nin será
fora dos entes; posto que Moira o atou
a ser enteiro e imóbel. E así todo será nome
cando os mortais estabeleceron, confiando ser verdadeiro:
chegar a ser e deixar de ser, ser e non [ser],
e mudar de lugar e variar a cor esplendente.
Pero por ser limite extremo, é perfecto
de todas partes, semellante á masa de ben redonda esfera,
equilibrado do centro a todas partes. Pois nada maior
nin nada menor pode ser por aquí e por alá,
pois nin o non ente é, que puidese impedirlle atinxir
a igualdade, nin o ente, para que fose de ente
mais aquí e menos alá, pois todo enteiro é incólume.
E sendo por todas parte a se mesmo igual, comparece igualmente nos seus limites.
Con isto acabo para ti o logos fiable e o pensar
en torno á verdade. Dende aquí os pareceres mortais
aprende, escoitando a orde enganosas das miñas palabras.
Lembraron dar forma a dúas formas,
para ambas unha só non é necesario, no que errados están.
Separen as contrarias pola súa feitura e puxeron sinais
que os apartan entre si, aquí da lapa lume etéreo,
suave, lixeiro, a si mesmo en todas partes idéntico,
ao outro non idéntico. Mais tamén aquilo
que se lle opón: escura noite, de espesos e pesados trazos.
Toda esta aparente ordenación expóñoche
para que ningún xuízo de mortais che adiante.


ANACO IX

Pero xa que todo foi luz e noite nomeado
e estás, Segundo as súas propias calidades [foron atribuídas] a tales ou cales cousas
todo cheo está, á vez, de luz e de noite invisíbel,
ambas iguais, porque nada hai allende estas dúas.


ANACO X

Coñecerás a natureza etérea e no éter todos
os signos, e do resplandecente sol, enxebre
facho, as obras devastadoras, e de onde chegou a ser.
E as circulantes obras pescudarás da lúa de redondo eixo
e a súa orixe. Coñecerás o ceo que retén [todo] en torno,
de onde emerxeu e como o forzou impelente
Ananke a reter os limites dos astros.


ANACO XI

Como terra, sol e lúa
e éter común e celestial Vía Láctea e Olimpo
extremo e forza ardente dos astros, foron impelidos
a chegar ser.


ANACO XII

Os anhelos máis estreitos enchéronse de lume sen mestura,
os seguintes, de noite; e de entre ambos proxéctase porción de lapa.
E no meio destes, a deusa que todo o dirixe,
pois en todas partes rexe o doloroso nacemento e a mestura,
enviando ao masculino o feminino para se mesturar e, á súa vez, contrariamente,
o masculino ao feminino.

Aúriga. S. VI a. C.

ANACO XIII

Primeiro de todos os deuses a Eros inventou.


ANACO XIV

Relucindo, en torno á terra, errante, allea luz.


ANACO XV

Sempre inquisidora ollando cara os lóstregos do sol.


ANACO XVa

[A terra é] enraizada na auga


ANACO XVI

Pois ao modo como cada cal ten a mestura de moi extraviados membros
así o noûs está a disposición dos homes. Pois o mesmo
é o que reflexiona, natura de membros para os homes,
para todos e para todo. Pois o máis é o pensamento.


ANACO XVII

á dereita os mozos, á esquerda as doncelas...


ANACO XVIII

Cando a muller e o home mesturan xuntos sementes de Venus,
nas veas a conformadora forza, de sangues diversos procedente,
gardando un xusto equilibrio, plasma corpos ben dispostos.
Pero se, ao mesturarse as sementes, as forzas pugnan
sen facer unha só, mesturados os corpos, funestas
resultarán pola súa dupla semente o nacente sexo.


ANACO XIX

Así, pois, emerxeron, segundo o semellar, estas cousas e agora son,
e, a partir de aquí, tendo madurado, acabarán.
A todo os homes impuxeron nome cruño para cada cal.

Manoel Toural Quiroga, tradutor