Xosé Rodríguez Mourelo. Un librepensador galego en Madrid



Manoel Toural Quiroga

Ilustracións de TEQU

Publicado en A Nosa Terra (nº 1350, 2009)

Xosé Rodríguez Mourelo (1857 - 1932)


Aínda que viviu a maior parte da súa vida en Madrid, Xosé Rodríguez Mourelo é un personaxe relevante da cultura galega. Sempre vencellado a ela, o través da súa obra como científico e xornalista.



A relevancia de Rodríguez Mourelo, provén non só do feito de ter sido un dos primeiros científicos galegos, prezado e respectado fora da Galiza e de España, senón por ser o primeiro e máis importante divulgador da Ciencia na España decimonona. Movido polo espírito de rexenerazón, caracterizado polo rexeitamento de todo dogmatismo e fiado á razón como única ferramenta vital e válida para distinguir o verdadeiro do falso, incarnado nos ideais librepensadores da Institución Libre de Enseñanza (ILE), fronte ao absolutismo, os privilexios e as arbitrariedades do pensamento dogmático da nobreza, a igrexa e amplos sectores da nova burguesía. Non obstante, dentro desa mesma clase burguesa, entre a que se atopa Mourelo, hai grupos que buscan construír unha sociedade libre e democrática capaz de superar os tempos de escuridade, que promoven unha rexeneración social a través da Educación. Peza fundamental nela, é para os rexenerazonistas, a Ciencia.

Mourelo incidiu de forma moi notábel na renovación científica española, tanto na investigación e a docencia como na creación de institucións científicas como a Sociedade Española de Física e Química en 1903, e a Asociación Española para o Progreso das Ciencias en 1908, das que sería un dos seus máis importantes dinamizadores. Ocupouse tamén de historia, filosofía e epistemoloxía da Ciencia, na súa faceta de xornalista infatigábel. 

Unha rúa e o Salón de Actos da Faculdade de Ciencias de Lugo, na súa cidade nadal levan o seu nome, pero case ninguén sabe quén foi a personaxe. Tampouco o Concello de Lugo noméao entre os seus fillos esgrevios. 

¿Quén foi este galego que se dedicou a espallar o saber do seu tempo?

Formación
Naceu en Lugo en 1857. O seu interese polo estudo da química, acordoullo o catedrático da Universidade de Santiago Antón Casares Rodrigo. Foi o primeiro Decano da Faculdade de Farmacia en Santiago, e ademais sería a primeira persoa en todo o Estado en producir luz eléctrica, o 2 de abril de 1851, dentro do Claustro da actual Faculdade de Xeografía e Historia. 

Antonio Casares Rodrigo (1812 - 1888)
O plan Moyano de 1857 creou en Santiago as Faculdades de Farmacia e de Ciencias. Até ese intre, os estudos científicos na Galiza tiñan un carácter preparatorio, e para os continuar había que irse fora. Por esta razón, Mourelo, despois de obter o título de bacharel en 1871, emigra ao ano seguinte a Madrid, ca mira de estudar Química. Matriculouse na Faculdade de Ciencias da Universidade Central. Acabados os seus estudos, torna a Lugo para ocupar a praza de catedrático de Física obtida por oposición con 18 anos. Durante o curso 1876-77, será profesor do Instituto da cidade. As súas leccións experimentais de Química, xunto aos seus primeiros traballos científicos, comezan a publicarse no xornal El Heraldo Galego.

No Ateneo
En 1878 marcha definitivamente a Madrid. Ingresa no Ateneo, do que será socio de mérito e bibliotecario. Tamén nesa época entra na masonería. 

As súa erudición faille ser un verdadeiro divulgador da Ciencia, acadando, polo aprecio que os seus traballos xornalísticos tiñan, que lle fosen remunerados. Así, entre 1878 e 1903, publica máis de cen traballos nas revistas que entón se ocupaban de difundir o coñecemento científico, como La Ilustración Española y Americana, Los Lunes do El  Imparcial, La Naturaleza, a Revista de España, etc. 
Neste senso, impartiu varias conferencias no Ateneo que poden considerarse como un fito na difusión das Ciencias, dando principio a toda unha tradición dentro do organismo. Coas súas disertacións, que abrangaban os máis diferentes temas, conseguiu estimular a grande número de xovens para que se interesasen por este tipo de estudos. 
Nunha das súas conferencias, A Materia Radiante (1880), aproveita para defender a figura intelectual de Charles Darwin e solidarizarse ademais, coa postura mantida polo seu amigo o biólogo Gustavo González Linares, expulsado da súa cátedra de Santiago, por plantexar e defender o evolucionismo. Ao fillo deste, Xervasio, dedicoulle a conversa sobre Astronomía: Conceito actual do cosmos (1880). Outra conferencia a impartirá sobre a Historia, Progresos e Estado Actual das Ciencias Naturais e da Ciencia Física en España (1886). Sendo este o primeiro compendio rigoroso realizado até esa data. As tres disertacións serian publicadas en volumes especiais polo Ateneo.

A Comisión de Reformas Sociais
Durante o século XIX, en varios países europeos, inmersos en procesos de industrialización, organízanse comisións informativas para coñecer as condicións materiais e morais da clase obreira e do campesiñado. A súa formación, responde ao interese da nova clase dirixinte, a burguesía, polo control das actividades dos traballadores do campo e a cidade, e a súa incipiente actividade organizativa. De feito, ningún representante obreiro ou labrego figurou entre os compoñentes da Comisión.
Fotografía de Ramón Dimas
 O Real Decreto do 10 de xaneiro de 1874, disolve a sección española da Internacional, porque atenta contra a propiedade, contra a familia e demais bases sociais, pondo fin á etapa revolucionaria comezada en 1868. Mourelo, é asinado pola Comisión de Reformas Sociais para confeizoar, en 1884, un informe sobre as condicións de vida dos nenos labregos da Galiza. A descrición que fai Mourelo, aínda que non eximida de certo sentimentalismo, supón o primeiro achegamento á realidade da explotación infantil, non só na Galiza, senón tamén en Europa.


Embaixador intelectual
Outro trazo da súa personalidade, é o de embaixador intelectual, polo seu carácter sociábel, bondadoso e de conversa agradábel, nun tempo onde case ninguén aquí, se ocupaba de cultivar as Ciencias, nin de asistir aos congresos científicos internacionais. Sen falar alemán, inglés e con moita dificuldade o francés, sabía estabelecer numerosas amizades e relacións en pouco tempo. Entre 1897 e 1899, publica nos Compte-Rendus (Contas Rendidas) da Academia de Ciencias de París 16 notas, dedicadas principalmente ás súas investigacións no eido dos sulfuros tremelucentes que se empregaban até non fai moito en todo tipo de sinalizacións, e que lle valeron renome mundial, desmentindo a aqueles que dicían del que non tivo actividade de investigación. En 1883 publicou o libro A Radiofonía, onde se estudan por primeira vez, as posibilidades de transmitir a fala a longa distancia, sen cabres.

Foi tamén crítico artístico e musical, coñecedor exhaustivo dos principais museus de Europa. Grande amigo do compositor coruñés, Marcial do Adalid. Ao morrer este, a súa viúva, a escritora e tradutora galega Euxenia de Liáns (Fanny Garrido) converteríase na compañeira de Mourelo. Dela, fixo un debuxo Urbano Lugrís, que  publicou na revista Atlántida.
Fanny Garrido por Urbano Lugrís
Profesor da ILE, primeiro na Escola Preparatoria de Enxeñeiros e Arquitectos, en 1886-92, e logo en 1900, profesor numerario de Química Inorgánica e Orgánica na Escola de Artes e Industrias de Madrid. En 1903, ingresou na Real Academia de Ciencias co discurso: Estudo da educación científica que deben ter os españois para cumprir os máis elevados fins do progreso nas ordes material moral e social, realizando con iso as aspiracións humanas. Constituíndo toda unha declaración de principios, baseados na filosofía positivista de Augusto Comte. En 1927, en representación da Real Academia de Ciencias, será nomeado deputado a Cortes. Tamén foi condecorado, en Francia, coa Lexión de Honra.

O único que deixou ao morrer o bo e xeneroso de Mourelo foron os seus mobles e os seus libros. Finou na súa morada madrileña da rúa Piamonte 14, o 24 de novembro de 1932. Días despois do seu pasamento, apareceu unha breve nota, no Progreso de Lugo, dando conta do suceso. Trabucáronse o pór a data do seu nadal.

Rúa Piamonte, 14. Madrid