O Urco, unha boa peza da nosa mitoloxía



Manoel Toural Quiroga
TEQU, ilustracións

Publicado en A Nosa Terra (1370, 2009)
 
O Buraco do inferno. Illa de Ons.
É verán (cando foi publicado o ártigo) , tempo de folgar e de vagar. ¿Qué tal unha incursión polo territorio dos nosos mitos? Diante de nos, quizá está o mar. Ao mellor a punto de embarcar, cara á illa de Ons. Se é así, non deixedes de facer unha visita ao Burato do inferno. O pór do sol escoitaredes os ouleos do noso Urco. Alí, ca calor, gusta de buscar sosego na súa andaina.
Nada do divino
nos resulta claro aos mortais!
EURÍPEDES
 
O Urco sobre a Pedra de Abalar de Muxía.
Orixinariamente, mythos significaba opinión, razón e reflexión. Máis tarde, desprazouse ao terreo da fantasía, significando lenda. O antidogmático sirio Luciano (s. II) dinos que contar mitos é o mesmo que mentir, como así o demostra nos seus Diálogos mariños. Para outros, o mito ten que ver, principalmente coa orixe das relixións e co sagrado. Pero se afondamos un pouco no seu coñecemento, axiña decatamonos que estamos fora do mundo relixioso e achámonos ante a necesidade do ser humano por explicar o mundo real. Limitar o mito ao sagrado é empequenecer o horizonte da razón, xa que a mitoloxía abrangue o espacio das vivencias humanas. O filólogo alemán, Wilhelm Nestle (1865-1959), na súa obra Vom Mythos zum Logos (1940) sinalaba que mito e razón son os dous polos da espiritualidade humana, pois ambos cadran en explicar unha causalidade. A razón, a expresará  criticamente e o mito o fará de forma prelóxica.

Os relatos mitolóxicos de cada cultura, nunca presentan unha estructura dogmática, semellante á contida nos libros sagrados das relixións. Son máis ben interpretábeis e reflicten un proceso formado paseniñamente desde moi antigo, no que distintas tradicións superpóñense en estratos consecutivos, sempre abertos á transformación.

Na actualidade e debido a súa fluencia, seria interesante considerar á mitoloxía como unha ferramenta simbólica, útil para a educación en valores, o auto coñecemento ou as relacións sociais, porque pode promover climas de reflexión nos ámbitos máis diversos.


A nosa mitoloxía

Moitos autores consideraron ao noso país como dotado dunha grande riqueza lendaria, ao que se lle negaron os seus elementos míticos e en consecuencia, a súa própria mitoloxía. Ao tratar de establecer lazos co mundo céltico, omitiron fixar a súa atención nos trazos específicos xa integrados culturalmente entre nós. 

Lonxe de calquera vinculación céltica (outro mito), a nosa mitoloxía en case todas as súas manifestacións, semella presentar unha profunda orixe grecolatina, reinventada o través do tempo con distintos obxectivos e caracterizando así a nosa personalidade concreta. 
Vaso da loita de Heracles e Xeriones. O Urco está morto.
Galiza comezou a debuxarse na percepción cultural do mundo a través dos mitos gregos, coados pola romanización e independentemente da discusión sobre o probábel asentamento de colonias gregas ou non no espacio galaico. Pouco a pouco, foi criándose unha xeografía máxica, encetada na Xerioneida de Estesicoro (s. I a. C.), onde se describe a loita de Heracles (o Hércules romano) con Xeriones. Máis tarde fará a súa aparición a xeografía real, cando os navegantes micénicos (s. VIII a. C.) exploran as costas atlánticas en busca de novos recursos, como as mazás de ouro das Hesperides, dando lugar a unha nova interpretación do mito e a realidades diferentes. Probablemente, estas fosen as fazañas colonizadoras dos conquistadores e guerreiros, provenientes do Mediterráneo explorando o finisterrae Europeo.

Estes relatos tal vez transmiten-nos un primeiro achegamento ao noso territorio e aos seus poboadores. 


A parentela do Urco

Nun traballo publicado na revista Galicia, en febreiro de 1887, polo meteorólogo Octavio Lois atopámonos cun dos nosos mitos: o Urco, como imaxe festiva do entroido pontevedrés. Sendo noso, foi enxendrado na antiga cultura grega. Non está de máis coñecer a súa orixe e a súa familia.

O Urco é un ser fantástico criado polo imaxinario colectivo, ao cal a tradición da ilusión lendaria describe como a un can moi grande, de cor negra, con dúas cabezas, cornos e longas orellas. O seu amo era Xeriones, rei de Eritea, cuxos rabaños gardaba. Foi pai da Efixie de Tebas. Fillo de Equidna, a rapaza inmortal de ollos vivos, e de Tifón, o atrevido fora da lei.

A súa nai, pariu unha boa cantidade de monstros irmáns do Urco, como a Quimera, A Hidra de Lerna, os dragóns de Nemea, o can tricéfalo Cerbeiro e a Aguia que devoraba as entrañas de Prometeo. 
 
Hércules e Xeriones o pé da Torre.


Equidna, era de temer porque atacaba aos feirantes que tornaban ás súas casas bébedos, despois de se gastar en cuncas de viño o gañado tras unha venda (conto recollido en Becerreá). 

Tifón, o pai, tiña cen bocas polas que botaba lume sen parar. Derrotou a Zeus en combate para liberar aos Titáns, prisioneiros no Tártaro. O deus recuperado chimpou a Tifón ao interior do monte Etna. As fontes termais da bisbarra de Ourense, tan abundantes para o noso lecer, poderían ser as exhalacións de Tifón. Prospeccións arqueolóxicas efectuadas nas proximidades das Burgas móstrannos restos de altares onde se facían ofrendas ás deidades acuáticas. 

As constelacións máis antigas, de orixe babilónico (3000 a. C.) asociaban Orion a Xeriones, Canis Maior e Canis Minor ás dúas cabezas do Urco, Tauros representaba ao rabaño de Xeriones e Sirios, a estrela máis grande da constelación de Canis Maior, coñeciana co nome de estrela can.


O Urco na Galiza
Eu coido que o Urco é un demo do inferno que zuga as almas...
Vostede non sabe que hai persoas envexosas e ruíns
que finxen ser amigos dun,e andan alpurnando de nós
soterreiramente e fannos todo o mal que poden?
Pois a eses é a quen lles come a alma o Urco.
 Leandro CARRÉ

Segundo as ocasións e a situación, ao Urco considerouse-lle de mal agoiro, ou como indica Carré de todo o contrario. En todas as súas manifestacións presenta senos como un ente infernal. Para os pontevedreses, antes de o converter en Rei, habitaba nas beiras do río Lerez nun paraxe trevoso, xa desaparecido, coñecido como o Borrón. En calquera caso, a postura colectiva nosa ante os mitos e lendas máis sobrecolledores, foi e é a de enfrontarnos a eles con desafogo e relouco. Síntomas do máis enxebre escepticismo. 
 
Río Lérez. Pontevedra.
Do Urco dise, ao igual que o xudeu errante, que non morre nunca. Remanecendo despois de longas ausencias, para presaxiar algún acontecemento funesto ou entreterse sementando a alarma e o medo entre a xente, para entreter e troulear. Habitou no Burato dó Inferno, situado na illa de Ons. Lugar onde buscou refuxio despois de ter sido lanzado ao océano por Hércules. 

No Entroido de Pontevedra de 1877, apareceu por primeira vez unha misteriosa deidade caíña, coñecida polo estraño nome de Urco. Desde entón e até o presente, a festividade choqueira na cidade ten como imaxes centrais ao Rei Urco e ao loro Ravachol. Este formou parte da tertulia celebrada na botica compostelá de Perfecto Feixoo. 

Un ano antes de que o Urco fixese o seu aparecemento no entroido pontevedrés (1876), un fato de artistas da cidade, xuntos o redor do médico e poeta Andrés Muruais (1851-1882), decidiron desenterrar ao vello mito. O propio Muruais, disfrazouse de can rousando cadeas e dando magoantes oubeos (Filgueira Valverde: Do Urco ao esperpento, 1977) polas rúas do bairro pontevedrés d´A Moureira e provocando o medo dos papainas. A esmorga atinxiu tal magnitude, que un ano despois decidiron converter ao Urco en figura de Rei, para o enfrontar a Teucro, suposto fundador de Pontevedra, que chegaría a Galiza expulsado polo seu pai Eurísaces por non ter sabido protexer ao seu medio irmán Ayax, na Guerra de Troia.

O Urco, Xeriones e a Torre de Hércules

Xeriones e Hércules loitaron no sitio da Torre de Hércules. Por qué non? 

Xeriones era un xigante de tres cabezas que moraba na illa mítica de Eritea, situada nalgún lugar ao oeste da Terra coñecida. Posuía inmensos rabaños de bois gardados polo pastor Euritión e o can Urco. Até alá dirixiuse Hércules, para dar cumprimento ao décimo dos doce traballos que lle foran encomendados co fin de atinxir a inmortalidade. Antes de adentarse no océano para sinalar o camiño, ergueu dúas coounas Xibraltar e Ceuta. 

Ao chegar a Eritea foi atacado polo Urco, ao que matou Hércules, igual que a Euritión que viña na súa axuda. Xeriones, dándose conta do roubo do seu gando, saíu en perseguimento de Hércules e tamén sucumbiu. 
Torre de Hércules e Xeriones decapitado.
 Antes de marchar co seu botín, Hércules fixo construír unha torre para lembrar a súa victoria no lugar onde se produciu a loita e na súa base ordenou que se enterrase a Xeriones. 

A lenda ficou plasmada no escudo da cidade d´A Coruña que data do século XV. Nel, embaixo da Torre, podemos ollar a caveira e as canelas de Xeriones. 

Recentemente, o 27 de xuño a Torre de Hércules foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO por ser o faro en funcionamento máis antigo do mundo. Construído polos romanos no século II, a súa orixe probablemente haxa que situala nos séculos X e V a. C., cando a súa ría servía de porto para o comercio tarteso. 

Aínda descoñecemos como se explicaban os nosos devanceiros a orixe das plantas, dos animais, das súas vidas e da súa desaparición. Posiblemente, para a súa expansión o cristianismo tivo moito interese en destruír e facer esquecer os nosos mitos primitivos. A dignificación dó noso patrimonio cultural, e unha tarefa na que estamos sos. O compromiso representa un desafío social engaiolante se queremos seguir construíndonos o mundo dende a nosa identidade