Mar
Alepuz
TEQU (ilustracións)
Publicado na revista ELO (2007, 14)
Un dos ascensos
máis meteóricos da historia foi o que protagonizou unha moza a quen hoxe
coñecemos como a emperatriz Teodora de Bizancio, quen soubo sobreporse a un
pasado abondo escabroso a tal punto que grazas a ela o seu home puido conservar
o trono.
Nada cara o ano 502
da era cristiá, era a filla dun traballador do circo chamado Acacio que posuía
varios osos amestrados, e que traballaba no hipódromo de Constantinopla, onde
era acróbata e meco.Non se sabe exactamente se Teodora naceu na illa de Creta
ou en Siria. Dado que a profesión circense non era moi ben vista para as
mulleres, Teodora desde moi rapaza comezou a exercer o oficio máis vello do
mundo para complementar os ingresos familiares. Crese que perdeu o seu «selo de
garantía» cun comediante chamado Filippo mentres esperaban tras bambolinas a
súa entrada ao senario. Entre os actos de Teodora estaba montar semiespida
encima de briosos corceis, e en varias ocasións púñanlle gansos salvaxes a
recoller froitas e graos sostidos pola rapaza na súa entreperna. Semellaba non
coñecer o medo, e esa característica habería de lle servir de moito no futuro.
Historia Secreta. Procopio de Cesarea |
Desembarazada e
triste, optou por se refuxiar na luminosa Alexandría, lugar no que coñeceu a
Severo, líder da seita cristiá dos monofisos, quen creen que Xesús non foi
metade divino e metade humano, se non que lle adxudican a Cristo
características completamente divinas.
Convencida sobre
esta doutrina, tornou a Constantinopla para traballar como fiandeira nun taller
achegado ao pazo onde moraba Xustiniano, sobriño do emperador Xustino e
herdeiro do trono bizantino.
A casualidade quixo
que unha antiga amiga, amante do xeral Belisario —home de confianza do futuro
signatario—, a puxese en contacto coas elites aristócratas. Neses ambientes
coñeceu a Xustiniano, que ficou peñorado pola súa beleza e intelixencia. De
mediato convertéronse en amantes e, en poucos meses, Teodora pasaba do mundo do
circo á cúspide social como patricia do Imperio Romano en Oriente, a pesar de
que existía unha lei que prohibía que a realeza e os nobres casasen con
prostitutas, sirventés ou mulleres de orixes dubidosas. Tras ter-se-lles negado
en tres ocasións o dereito a casar , sobre todo por intrigas da tía de
Xustiniano (unha harpía fabulosa coñecida como a emperatriz Lupino), por fin
puideron contraer nupcias. Tras a morte do emperador Xustino, o seu parente
accedeu ao trono e con el a súa flamante esposa, de 27 anos de idade.
Unha vez que se viu
convertida en consorte do monarca, se deu á tarefa de establecer que non seria
soamente un ornamento, por moi bela que fose. Tomou cartas en distintos asuntos
concernentes a mellorar a calidade de vida das mulleres do imperio bizantino,
influíndo no seu esposo Xustiniano para que codificara o dereito romano no "Codex
Iustinianus". Inspiradas por ela apareceron leis que defendían a igualdade
da muller, o dereito ao divorcio: permitiu que a muller se puidese divorciar
libremente, a prohibición de castigos por adulterio tanto para o home como para
a muller, mellorou a lei do matrimonio que daba máxima liberdade mesmo para
cometer bigamia. O recoñecemento cara os fillos bastardos e a defensa dos seus
dereitos. Reglamentou a herdanza, permitiu o matrimonio libre entre clases
sociais, razas ou relixións, a imposición de mágoas mesmo a de morte para os
violadores, a posibilidade de abortar e a prohibición da prostitución forzosa. Reglamentou
os burdees para evitar abusos debendo estar rexentados polas propias mulleres. Paralelamente,
encarregou-se de criar planos de résgate para mozas que foran prostitutas,
reabilitandoas para outros oficios. Tamén promulgou leis que permitisen que as
mulleres puidesen ser propietarias e herdar somas de diñeiro ou propiedades e
ademais mellorou o sistema de atención á saúde feminina.
Para colmo,
Xustiniano atendía aos consellos sabios da súa muller, e pronto preferiu
escoller asesores de humilde orixe pero de grande probidade, preferíndoo por
encima de corruptos nobres. O rebelde Procopio concibiu un odio visceral en
contra de Teodora, acusándoa de facer cornudo a Xustiniano e de o manexar como monifate.
Ademais, afirmaba que Teodora subxugaba ao seu
home recorrendo a toda sorte de males e trucos aprendidos no seu oficio
de meretriz, e as más linguas como a miña sosteñen que Teodora foi ademais
precursora do “strip tease”, o cal llo executaba a Xustiniano até ficar
soamente vestida con xoias.
Teodora fora
coroada xunto ao seu home un 4 de abril do ano 527 e gozaba ao máximo do seu poder.
É por iso que cando se deu a revolta de Nika, mostrou de que aceiro estaba
feita. Dous grupos políticos, rivais entre si, comezaron un alboroto no
hipódromo. Entón prenderon lume a varios edificios gobernamentais e proclamaron
a un novo emperador. Xustiniano e os seus oficiais non puideron controlar á
multitude, e xa estando listos para consumar o seu triunfo cando Teodora
armándose de valor, lanzou un discurso da importancia dun home que morría como
líder por encima da de outros que vivían como covardes, e a xente conmoveu. Ipso
facto, Xustiniano deixou de actuar como eunuco e lanzouse a atacar aos rebeldes
cas súas hostes. Uns 30 mil rebeldes morreron no Hipódromo, emerxendo
Xustiniano como vitorioso en grande parte pola valentía e o coraxe do seu fermosísima
esposa.
Tremissis de ouro do reinado de Xustiniano |
Teodora impulsou o embelecemento
da cidade de Constantinopla, erixindo pontes e acuedutos ademais de 25 igrexas,
entre elas a de Haxia en Sofía. Ademais protexeu aos membros da seita
monofisita, chegando a instalar como patriarca de Constantinopla a un prelado
desa seita. Foi unha xenuína reformista social e unha verdadeira mecenas da
arte, sen necesidade de bombo e pratiña ou de estafar a ningunha entidade
financeira.
En 548
manifestou-se-lle un incontenibel cancro de peito que en poucos meses lle
arrebatou a vida. Tiña pouco máis de 40 anos e lograra entrar na galería de
personaxes máis relevantes e decisivos da Historia. O seu corpo foi remitido á
Igrexa do Santo Apóstolo, un dos templos máis espléndidos que ela e Xustiniano
mandaran a construír.
Belos mosaicos que
rememoran a beleza de Teodora aínda existen en Ravena, Italia. A igrexa cristiá
ortodoxa considera unha santa e cuxa festa se conmemora os 30 de decembro. Outros,
entre eles Procopio, considérana unha rameira oportunista que manipulou a
Xustiniano. Non embargantes, a influencia desta preciosa e audaz muller segue sentíndose
mesmo hoxe en día nas obras de feministas e filántropos que souberon recoller o
seu exemplo.