Manoel Toural Quiroga
Ilustracións TEQU
Publicado en A Nosa Terra (nº1350, 2009)
En 1609, Galileo mostraba en Venecia o seu telescopio. Kepler editaba o libro Astronomía nova. Estes acontecementos xustifican que este 2009 sexa declarado Ano Internacional da Astronomía. No século XVI na Galiza xa se construían telescopios.
As observacións de Galileo confirmaban a
veracidade da hipótese de Copernico
(1473-1543) establecida na obra De
Revolutionibus Orbium Coelestium (Sobre as Revolucións das Esferas
Celestes). Johannes Kepler (1571-1630) no seu libro, describe as leis
fundamentais da mecánica celeste, afirmando que o movemento dos planetas o
redor do sol, presenta órbitas elípticas. Galileo Galilei (1564-1642) realiza
descubertas asombrosas que mudan a percepción do mundo para sempre. Na Lúa
atópanse montañas e cráteres. O planeta Venus presentaba fases como as do noso
satélite. O redor de Xúpiter orbitaban outros corpos. A Vía Láctea, deixaba de
ser unha inmensa nube de fume e revelaba infinidade de estrelas, invisíbeis ao
ollo humano até entón. Os detalles das súas observacións publícaos no libro Sidereus nuncios (O mensaxeiro das
estrelas).
Desde o século anterior, sabíase da
existencia dun tubo óptico que facía que os obxectos afastados se visen máis
preto. Viña empregándose con fins militares e marítimos. Galileo ouviu falar do
enxeño ao matemático Paolo Sarpi (1552-1623) e deseña o seu propio modelo con
fins mercantís, sen prever as súas posibilidades astronómicas. Presenta o seu
instrumento ante o Senado, cedendo os seus dereitos á República de Venecia, moi
interesada polo uso militar do obxecto. En recompensa, é confirmado de por vida
no seu posto de docente en Padua e os seus emolumentos sonlle duplicados.
Sidereus Nuncius (1610) |
Non embargantes, a xenialidade de Galileo
foi a de focar o seu anteollo cara o espacio. Despois de realizadas as súas
primeiras observacións astronómicas, seguirá aperfeizoando para penetrar no
coñecemento do cosmos. Até entón, o instrumento coñecíase co nome de Lente espía. A denominación de telescopio,
daralla o matemático grego Giovanni Demisiani en 1611 nunha cea ofrecida en
Roma, en honra a Galileo.
Os inventores do Telescopio
Os núcleos de poder se apropian sempre
das potencialidades existentes nas súas periferias, impedindo así o
desenvolvemento propio de cada comunidade. Ao mesmo tempo, xeran para manter o
control social das metrópoles, os seus propios mitos. Falseando ou ocultando
calquera elemento que puidese perturbar a súa particular orde cultural.
O telescopio foi inventado en varios lugares
de Europa no século XVI. É moi difícil pór nome propio á persoa que o inventou.
Desde séculos antes, víñase traballando nas posibilidades de acolar cristais
elaborados con formas, cóncava ou convexa. Roger Bacon (1220-1292) xa
descubrira que podían mellorar a visión dos individuos.
Os libros de historia do sistema
educativo, dan por segura a paternidade da invención. Pero tal aseveración
presenta certas arestas.
Observacións da lúa por Galileo (con notas manuscritas)
|
Hans Lippershey (1570-1619) alemán
establecido en Holanda, era constructor de lentes e é considerado como o inventor do primeiro telescopio. Pero
foi así realmente?
Outros como el, tamén se dedicaban a
fabricar lentes e calquera que dispuxese dunha cantidade suficiente, houbera
podido inventar o aparello por accidente. Así en 1589, Giambattista della Porta
(1535-1615) describe no libro Maxia
naturalis un enxeño que ben puidese ser un telescopio. En 1604, o óptico
Zacharias Jansen (1580-1638) afirmou que xa construíra unha lente espía. O que si fixo Lippershey,
foi vender o instrumento ao goberno holandés con fins bélicos. Aparellos
semellantes ofreceranse á monarquía francesa como arma segreda.
Comezase a aceptar na discusión a
posibilidade da paternidade catalana do invento. Mesmo se fai mención dela
nalgúns manuais de historia. Esta hipótese aparece por primeira vez en 1891 na
obra Apuntes para una Biblioteca
Científica Española de Felipe Picatoste, apoiándose na obra de Hieronymi
Sirturi Telescopium... de 1618. Desta
libro citase unha pasaxe na que se fai referencia ao viaxe do autor a Cataluña
onde coñece a un constructor de telescopios chamado Roget. En absoluto se fai
referencia a outras pasaxes da obra nin a outras fontes que sinalan algo moi
diferente. Do anterior faise eco, en
1958, Simón de Guilleuma quen publica o artigo Juan Roget, óptico gerundense, inventor do telescopio, e os Roget de
Barcelona, constructores del mismo. Partindo dunha escura traducción do
texto orixinal de Sirturi, establece a xenealoxía completa do tal Roget. A
partir deste intre, xorden novos traballos en apoio desa concepción. Así, en
1976, Joan Vernet en Historia de la
Ciencia Española confirma os dados de Guilleuma e aporta un testamento de
1593 no que se fala da venda en publica poxa dun uller de llarga vista, propiedade dun tal Jaume Galvany. Máis
recentemente, en 1983 Victor Navarro, no Diccionario
Histórico de la Ciencia Moderna en España amplía os traballos xa
mencionados de Vernet e Guilleuma e segura que a familia Roget construía
telescopios en Barcelona e Xirona o redor de 1590, indicando que a finais do
século XVI e principios do XVII, en Sevilla, Madrid e Lisboa tamén se
construían anteollos vendidos como curiosidade a nobres e burgueses.
En todas as publicacións mencionadas, non
se fai a máis mínima referencia ao noso país. Esquecen na construcción do mito,
outras fontes que aportan e contradín certezas sinaladas neses estudos.
Os obradoiros d´A Coruña
En 1909, revistas científicas de
diferentes nacionalidades, publican artigos para celebrar o terceiro centenario
da invención e aplicación do telescopio. O científico galego, Xosé Rodríguez
Carracido (1856-1928), pioneiro na implantación do rigor científico dentro da
universidade galega e española, somase a este acontecemento publicando en 1910,
unha reseña onde quería deixar constancia dunha serie de dados descoñecidos até
ese momento e pedía á luz dos mesmos, unha reparación histórica . O qué se
refería?
No seu artigo, Carracido afirma que na
Coruña no século XVI, construía telescopios un tal Roxete, con anterioridade
aos artífices holandeses. Apoiando a súa aseveración, cita a pasaxe da obra de
Sirturi, na que baseara as súas conxecturas Guilleuma. O libro Les quatre astronomes de Frederic
Maignet, e o que até ese momento foi ignorado pola historiografía: A System Mechanical Phhilosophy, obra
póstuma do físico e óptico británico John Robison (1739-1805), publicada en
1822. No tomo terceiro deste libro, afirmase que no século XVI o constructor de
lentes Roxete construía telescopios n´A Coruña e utilizaba ferramentas de
distintos tamaños para facer lentes cóncavas e convexas.
Nesa época, o porto da Coruña
converterase nunha importante base naval. Preto del e fora da muralla da Cidade Alta, xurdiría no istmo da
cidade, o bairro da pescaería. Nel
aséntanse vellos e novos oficios. Conviven mariñeiros, pescadores, mareantes,
albaneis, artesáns da madeira, do coiro, das especies, do vidro, do téxtil.
Todos trocaban os seus productos con Flandes e outros países europeos.
Probablemente aquí tivese situado o seu obradoiro de óptica o viveleiro Rogete.
Até agora foi pouco estudada a vitalidade do comercio d´A Coruña co norte de
Europa. A Inquisición chegou a propor o peche dos portos galegos, co pretexto
de evitar o contaxio Luterano. O bairro da pescaería
sería destruído polas tropas británicas a finais do século XVI, como resposta
ao tento español de invadir as illas Británicas. Outros ataques sofridos
posteriormente, impedirían que o espírito artesán do bairro volvera a
recuperarse.
A Coruña. J. Ximeno |