Iolanda Dessensberger Dacal
TEQU (ilustracións)
Carme Dapoza Bouzas (debuxo)
TEQU (ilustracións)
Carme Dapoza Bouzas (debuxo)
Quen pasou A Marola pasou a mar toda
REFRÁN
MARIÑEIRO
A bela forma que acaba en peixe
HORACIO
En Galiza,
como xa sinalou Vicente Risco, non é fácil atopar referencias etnográficas
sobre as sereas. Entes mitolóxicos que si podemos situar noutras culturas como
a grega ou a nórdica e ambas orixinarias se cadra de antigas culturas asiáticas
como a persa.
Aínda así, é
relativamente frecuente atopar no noso país representacións de sereas con forma
de ave ou de peixe, tanto na imaxinería relixiosa como na heráldica medieval. Tamén
algún relato espallado nos fala de sereas de auga doce e sereas de auga
salgada, como esta que nos ocupa e que casualmente extraemos da conversa con
tres vellos mariñeiros de A Coruña. Este episodio ben poderíamos incorpora-lo
ao acervo da nosa poderosa tradición popular e oral, froito do imaxinario
colectivo galego. A serea ou nereida, á que os mariñeiros entrevistados chaman
a “dona,” en tempos remotos ben “puído ter sido vista” na illa de A Marola,
vinculando así a lenda popular co proverbio mariñeiro que di “quen pasou A
Marola pasou a mar toda”.
A simboloxía das Sereas
As testemuñas máis
antigas sobre sereas remóntanse aos pitagóricos (s.VI a.C.). Para estes as
sereas eran paxaros cantores e constituían a imaxe da harmonía das esferas. O
tema recólleo Platón no mito de Er (A República, VII): O fuso mesmo daba voltas
entre os xeonllos da Necesidade, e sobre cada un dos círculos mantíñase unha
Serea, que xiraba con el e emitía unha só voz e dun só ton; as oito voces das
oito Sereas formaban un conxunto harmónico.
Sereas no monumento das Harpías |
Na antigüidade,
as sereas voadoras aparecen representadas tocando a frauta ou a lira como se
pode ver na decoración de vasillas tais como a do episodio de “Ulises e as
sereas” e en esculturas, como a serea de Canosa ( 340-300 aC.), e tamén nunha das
placas da pilastra funeraria do Monumentos das Harpías (480-470 aC.), na cidade licia de
Xanto (Turquía). Igualmente na época helenística, na escultura da Vitoria de
Samotracia (ca. 190 aC.).
Serea de Canosa |
Máis tarde, as
sereas foron personificadas en forma de peixes na mar e a súa acción tería a
función de arrebatar ao home do seu elemento terrestre para o levar máis alto
ou máis baixo e en calquera caso para o extraviar. Por esta razón e para evitar
a súa intervención seria polo que Ulises se fixo atar ao mastro do seu navío co
fin de resistir ao seu reclamo. Podemos dicir que estas ninfas mulleres-paxaro
ou mulleres-peixe serían a encarnación da muller fatal.
Posteriormente
esta imaxe das sereas consolidouse na arte e na poesía, manténdose até o
presente. A súa metade inferior constitúe figura e símbolo da decepción posto
que é inacesíbel. Pola contra, a súa metade superior representa a sedución. O
poeta francés do século XIX, Stéphane Mallarmé, evoca a mergullada dos delfíns
coa aleta caudal ao ar para expresar o fracaso da obra poética e do acto
amoroso.
Serea peixe (moeda) |
As Sereas na Mitoloxía
Na Mitoloxía grega,
as sereas fillas de Melpómene e Aqueloo, simbolizaban ao mesmo tempo os
encantos e os perigos da mar. Na Odisea, Homero sitúaas na entrada do estreito
de Sicilia, incitando aos navegantes a chocar contra os escollos mediante o
meigallo da súa voz. Ulises puído gozar dos seus cánticos facéndose atar ao
mastro do seu navío, mentres que aos seus acompañantes llo impediu taponándolles
os ouvidos con cera. Tamén atopamos ás sereas na narración lendaria dos
argonautas cando Orfeo triúnfa sobre elas grazas ao seu encanto.
Episodio de ulises e as sereas |
En época moi
posterior e a partir dunha lenda do historiador grego Diodoro Siculo (s.I
a.C.), recollida na súa obra Bibliotheca Histórica, será cando se comece a
representar ás sereas con corpo de muller e cola de peixe. No seu relato fálanos
de cando a deusa asiria Derceto ofendeu a Venus e esta lle inspirou amor cara o
pastor Caístro que lle ofrecía sacrificios no templo. Desta relación naceu unha
nena, Semíramis, que chegaría a ser raíña de Babilonia. Despois do nacemento de
Semíramis, Venus resolveu a súa relación amorosa co que Derceto cargada de ira
abandonou á súa filla e fixo que matasen a Caístro, para despois chimparse á
auga disposta a suicidarse, o que lle impediron os deuses. Este acto deu orixe
á súa morfoloxía de peixe e a que popularmente fose coñecida como a deusa-serea.
Bibliotheca Historica. Basilea, 1548 |
A figura
simbólica de Derceto asemellase tamén á deusa siria Atargate, deidade dos
mares, a quen se consagraban os peixes en templos rodeados por grandes
estanques e onde os sacerdotes vendían as licencias de pesca aos mariñeiros do
lugar. Esta deusa foi representada en forma de peixe, con cabeza, brazos e
peito de muller, ao igual que a deusa babilónica Ea. De entre todas as deidades
femininas, só esta deusa xunto con Eurínome foi personificada polos gregos
baixo a mesma constitución de peixe. O seu templo principal atopábase en
Hierápolis Bambyce (Manbij, en Siria).
Orfeo e as sereas (lecito). Heidelberg Ruprecht-Karls-Universitat |
Desde Siria, o
seu culto estendeuse até Grecia e máis ao Occidente. Luciano e Apuleyo proporciónannos
descricións de esmoleiros-sacerdotes percorrendo as cidades cunha imaxe da deusa
para recoller diñeiro. Tal vez como resultado do mecenado grego e do culto por
parte dos mercadores, escravos e mercenarios, este rito chegou a diferentes
partes do mundo grego, onde a deusa era considerada como unha variante de Afrodita.
A ampla
expansión deste culto deixou pegadas nalgúns portos como no de Delos ou
Sicilia, onde se atoparon numerosas inscricións que dan testemuña da súa importancia.
É a partir da Roma Imperial cando os ecos dese culto atinxen afastados limites
setentrionais, chegando até Galiza.
A serea de A Marola
A Marola é un
pequeno illote situado fronte á costa de Dexo-Serantes, no concello de Oleiros
en A Coruña. Ao ser o punto de converxencia das rías de A Coruña, Betanzos e
Ferrol, esta zona está sometida a duras condicións de navegación. En realidade
o refrán reflicte as case sempre adversas condicións do vento e do ondaxe coas
que antigamente tíñanse que enfrontar as outrora fráxiles embarcacións ao seu
paso xunto ás acantiladas da illa. Este espazo cultural foi declarado monumento
natural en 1998.
A Marola |
Descoñecemos o
verdadeiro nome da serea da Marola, pero polas referencias dos vellos
mariñeiros sabemos que a nomeaban como a “Dona dás centellas” e que a súa
forma, de cintura cara abaixo, era a dun peixe, estraño ente posto que as súas
escamas eran de ouro e de prata. Cóntase que aqueles navegantes que lograban
sortear o illote sen contratempos a serea se lles aparencia máis tarde en meio
do mar para lles conceder dous desexos, pero se un deles era o de se namorar
dela, esta os seduciría de tal forma que os arrastraría ás profundidades
oceánicas, facéndoos desaparecer eternamente de entre os seus. Outro mariñeiro
relataba que as bágoas da serea representan os reflectidos do mar ao serán e
que as ondas que rodean a Marola foron tecidas por ela.
Serea da Marola |
Outras sereas en Galicia
Aínda hoxe no
noso país podemos ver representacións de sereas e de nereidas nos capiteis,
doseletes e nas bases de coounas dos pórticos das catedrais de Santiago e de
Ourense, nos canzorros, métopas e muros das igrexas de Santo Domingo de
Bonaval, Ribadavia, Portomarín, Betanzos, Breixa e algunha máis. Tamén aparecen
nalgunha letra capitular das Cantigas de Santa María de Afonso X.
Por outro lado, tamén atopamos contos lendarios de sereas en torno ás illas de Miranda, na ría de Ares, na praia de Mogor, Marín e no regato de Bao, Sober e talvez relacionado coas sereas existe a crenza mariñeira que fala de barcos chimpados polas meigas voadoras cara os acantilados da Costa da Morte.
Serea nas "Platerías" |
Por outro lado, tamén atopamos contos lendarios de sereas en torno ás illas de Miranda, na ría de Ares, na praia de Mogor, Marín e no regato de Bao, Sober e talvez relacionado coas sereas existe a crenza mariñeira que fala de barcos chimpados polas meigas voadoras cara os acantilados da Costa da Morte.