Claro o día as mesmas nubes

Manoel Toural Quiroga
(Texto e ilustracións)



 Pasou a luz que non queima. Alonxaronse aínda os nosos brazos quietos onde eu e non outro podía oír igual que antes.

Aqueles beizos tremen ante o desamparo dos átomos da certeza.

Mudo onde aínda estivo a túa man e o teu son. Final. Ollábasme daquela cando a luz aínda entraba pola xanela. Recoñézoche, fuches levando o peso e o esforzo, canso organizas o espello, seino. Mudamente non sei coa luz o pincel toldado se reflicte a verdade e a carne da existencia, onde o ollo, antes aberto,  pechase sen pestana.


Alá abaixo axítanse sempre libres

O sol calándose sempre neno abrazo como pinga

Foi alá a illa a vontade de ser xanela abismo e cuña

Camba do mar que se transforma en árbore treboada de follas
que se senten ondas sentir o teu formar para che sentir a ti

Sen sospeita berran para poder vivir os ulos da memoria
nas trincheiras do mar a miña esperanza xa non olla atrás
triste naufraxio entre os meus brazos de ar amoréanse
chairas de lembranzas que todos ven como paisaxes recen construídos
polo fío roto da soidade e a lonxanía

Corpo meu día e noite
o mundo como alfombras íntimas cristais cos seus bordes descoñecidos


Os homes e as mulleres fuxían dos bosques de area
efémeros desexos baixo o seu abismo a festa a vida
cantando nos corpos xa máxicos virxinal dor

Sobre a terra roda o silencio espiando
o calco onde os teus pés nus de muller
son o segredo o beixo esculpido
o través do ollo que soña cos dardos de espuma
raíces apertadas dun día e outro día como nube
de dedos reflectidos que calan como unha resposta



As flores deste silencio tan belo da inocencia
a mesma dozura tras os vosos beizos de lúa
que van salpicando impacientes da nosa selva
con forma de cabeleira moi longa e espesa
onde a luz é unha curva ardente de espuma

O desexo entre dous corpos que son lóstrego
calor de espazo habitado pola eternidade
ispo de corpos anoados na beira
derramada das lapas oreada pola brisa
de cinzas primaverais de ceo luminosamente azul