Bagos de area

Maruxa Valín
Ánxeles Fernández (ilustracións)



Unha onda tentaba ser como a laranxa perdida entre a esperanza deste mar
ispo e belo. Preguntábasme por todos os azuis e aquí están, todos os días...

Unha teima indecisa os xexunos vivían como ventos, perfumados, durmidos, igual que este presente azul de conchas e barcas a vela. Convidación preciosa para contemplar a despedida solitaria dos mareantes afastándose das nosas noites.

A esfera do horizonte imanta con limite infinito á terra que nos garda.


Nenos, tolos e aloumiños
verbena de cobre

Ar
como o rumor da lúa
esmagado círculo de berros
os ombros dos homes
embrutecidos como crustáceos
cocidos vivos
para saciar a gula
dos ensoberbecidos

Antes
aqueles homes
tiraban dunhas velas pintadas
con arames de sede




Boa despedida
que leva que nos alexa da razón
intuíndo a mar
aquela
que desfai as barcas
abismo reseco do nó

Saliva e ancora desgastada
esta teima estúpida
de dicir adeús
que engole as roupas
da vida

Un home exterminador da mar
Amigábeis túnicas dos sabios
que case choran
ao voltar ao lugar deste presente
tan coñecido




Antes
dúbidas moi grandes
interpretaban sen medo os feitos

estas penas saltan
pintadas
insípidas
igual que aqueles mariños perdidos

borboleta que rebusca sen medo
entre o vento de metal
as mareas tachadas

día inmortal e ispo
ocultándose
desta onda curiosa
o silencio das horas
esa preciosa ocasión
como borboleta