Un grupo de investigadores da Universidade madrileña Rei Juan Carlos atoparon trazas de nicotina nalgunhas marcas de auga mineral embotellada distribuída dentro do Estado español. Os científicos advirten da necesidade de efectuar estudos o fin de avaliar o risco de contaminación dos acuíferos e do perigo que supón para a saúde humana, principalmente dos posíbeis efeitos que repercutirían na poboación máis vulnerábel, como os anciáns, as mulleres embarazadas e os recen nacidos, pola súa necesidade vital de consumo. É esta poboación o obxectivo das mensaxes publicitarias, cando se citan as características de pureza e calidade da auga para estes productos, e deste modo criar novos consumidores. Constatando ademais que o seguimento da veracidade destas mensaxes, por parte das autoridades responsábeis, é nula.
No estudo “Nicotine occurrence in bottled mineral water: Analyse of 10 brands of water in Spain” (416 (2012) 527-531), publicado na revista Science of the Total Environment, non se indica o nome das marcas comerciais, nin a posibilidade de que esta contaminación detectada puidese ter sido introducida polas propias empresas co fin de fomentar a adicción a este tipo de augas mineralizadas, case sempre de forma artificial. A pesar do seu indubidábel interese, este traballo publicado no mes de febreiro do presente ano, non foi coñecido, nin difundido polos meios de información até fai poucos días.
A nicotina como aditivo
A nicotina é un alcaloide contido no tabaco en forma de malato ou de citrato. En mínimas cantidades tamén se atopa no tomate, a pataca e a pementa verde. A substancia foi illada da planta do tabaco en 1828 polo estudante de medicina Adolf Posselt e o químico Ludwig Reimann. En 1843, Melsen describiu a súa fórmula química e Pinner estableceu a súa constitución e Crepieux e Pictet realizaron a súa síntese en 1893.
O tabaco posúea nun 1 a 8% e esta porcentaxe pode ser superior nos tabacos de baixa calidade. En estado natural, é un líquido incoloro e de olor desagradábel que non garda relación co do tabaco e se disolve na auga e no alcohol, entre outros. Desde finais do século XIX e inicios do XX, a nicotina empregouse na loita contra certos parasitos dos vexetais até a II Guerra Mundial en que se produce un importante desenvolvemento da industria química e aparecen os primeiros insecticidas orgánicos de síntese. Uns anos antes, en 1939 descóbrense as propiedades insecticidas do DDT e doutros productos organoclorados.
A nicotina é un dos velenos máis violentos que coñecemos e posúe un nivel de adicción moi alto. Aparece no tabaco de forma natural e cando se observa contido nalgunha outra substancia podemos a pensar que foi introducida pola acción do home. Este sería o caso da auga. Numerosos estudos realizados por varios autores en concas de todo o mundo demostran que a nicotina é un composto moi resistinte aos tratamentos de depuración habituais.
Contaminantes emerxentes
Na sociedade actual e na nosa vida diaria utilizamos utilizamosunha grande cantidade de productos químicos que nos permiten o alivio de dores e molestias, para combater enfermidades, no coidado persoal, na limpeza doméstica ou simplemente co fin de aumentar o noso confort cotián.
Os medicamentos que inxerimos nunca son do todo completamente asimilados, polo que pasan ás augas residuais. O problema agravase cando nos desfacemos dos medicamentos non utilizados ou caducados, vertendos no inodoro ou deposintandos no balde do lixo. De igual forma, os medicamentos administrados aos animais, así como os productos químicos que se empregan na agricultura, son arrastrados pola chuvia cara os ríos e os lagos.
Este tipo de residuos receben o nome de contaminantes emerxentes, e podemos defini-los como aqueles productos químicos, que tanto naturais como sintéticos, non se meden nin se controlan habitualmente no meio ambiente, pero que poden producir efeitos prexudiciais no ecosistema e na saúde humana. Actualmente ignóranse as consecuencias o longo prazo deste tipo de contaminantes, aínda que para moitos deles coñecese xa a súa toxicidade e o seu perigo e outros estanse a investigar. Non embargantes, unha vez que entran na cadea alimentaria poden chegar aos seres humanos. No meio acuático, a presencia de antibióticos produce unha selección xenética dos patóxenos máis resistentes, cuxa transcendencia máis mediata é a reducción progresiva da súa eficacia. As trazas de hormonas, así como os productos que presentan actividade hormonal, cando atinxen aos tecidos do organismo dos seres vivos, interfiren no funcionamento normal do sistema endócrino, causando alteracións para o seu desenvolvemento, de reproducción e de metabolismo. Un posíbel efeito engadido é a toxicidade xenética, orixe de malformacións.
As depuradoras actuais, tanto as convencionais, como as máis avanzadas equipadas con reactores biolóxicos de membranas, en xeral non están deseñadas para eliminar este tipo de contaminantes. O rendemento de eliminación destas substancias nas depuradoras pode variar entre un 15% e un 90%, dependendo do contaminante de que se trate. É evidente que todos os contaminantes non eliminados na depuradora acaban nos sistemas acuáticos e acaban entrando nas cadeas alimentarias dos distintos ecosistemas.
No caso das plantas de auga potábel, só aquelas que dispoñen de tratamentos con ozono e/ou carbón activo, presentan unha porcentaxe elevada de destrucción destes compostos.
Auga mineral contaminada
Actualmente existe un verdadeiro risco de contaminación dos acuíferos, polo que supoñen no senario do quentamento global un valioso recurso natural de auga potábel, tendo en conta a diminución en aumento das precipitacións na Península Ibérica.
Unha minuciosa análise, realizada en 58 compoñentes farmacéuticos de 10 marcas de auga embotellada producida no Estado Español, detectou nicotina nun rango de concentración entre 7 e 15 ng/L, na metade das marcas estudadas. As botellas foron mercadas en supermercados de grandes superficies de Madrid e de Toledo e remitidas en 24 horas ao laboratorio para a súa análise.
A presencia de productos farmacéuticos na auga potábel non é novedosa, ben que este sexa o primeiro estudo en analisar este tipo de compostos na auga mineral embotellada. A percepción social dunha boa calidade da auga mineral, dunhas óptimas condicións e seguranza, xeraron o incremento dun grande consumo que chega a atinxir até o 70% da consumición total, tan só no último século, segundo dados da Asociación Internacional de Auga Embotellada. O Estado Español ocupa o cuarto lugar en producción de auga mineral, dentro da Unión Europea.
No seo das estacións depuradoras os tratamentos van dirixidos á reducción ou eliminación de contaminantes denominados prioritarios (nitratos, fosfatos, acedos, etc.). Non embargantes, a efectividade das tecnoloxías estándar de descontaminación de micro contaminantes, tais como a nicotina, os fármacos ou as drogas, chamados contaminantes emerxentes, até o momento aínda non foron avaliadas.
Nos países da UE xa se están a incluír os contaminantes emerxentes dentro das normativas de monitorización, polo que se espera pronto se deban de ter en conta na vixilancia ambiental e, por ende, haxa que introducir novas tecnoloxías para os eliminar .
Por último, o estudo sinala a necesidade de ter en consideración estes contaminantes nas análises da calidade da auga embotellada para poder asegurar a pureza que se lle asigna nas etiquetas.
Contaminación das concas galegas
No noso país, desde fai tempo particulares e organizacións de ecoloxistas e nacionalistas fixeron públicas múltiples denuncias dos vertidos e o abandono que sofren os nosos ríos. Non embargantes, hai que sinalar que non se coñecen nin a cuarta parte das agresións existentes.
De sobra son coñecidas as que se producen cos purins vertidos ao Barbeira, afluente do Xallas, causantes da morte de milleiros de troitas. En As Conchas, Ourense, douscentos veciños pararon o tráfico durante 30 minutos na estrada que vai de Ourense a Portugal, coa seguinte consigna: O noso río ( o Limia) xa non é ou noso río, é un depósito de residuos tóxicos. Coñecida é tamén a grande mortaldade de peixes no Anllóns, no Muíños (Nigrán), no Colle entre Monforte e Sober ou no Con (Arousa).
Abundan os vertidos puntuais, tanto nos ríos pequenos como nos grandes, orixinando serios problemas de contaminación, o que coadxuva a un grave risco para a saúde humana. Meio Ambiente ten previstas actuacións nalgúns destes álveos.
Ao falar de ríos contaminados, hase de facer fincapé sobre todo nos problemas químicos provocados na súa maior parte polos vertidos que afectan á calidade da auga. Os caudais resultan seriamente danados ao seu paso polas cidades, en algúns casos por depuradoras non capacitadas e en outros por deficiencias de saneamento. Ademais de ríos contaminados, tamén hai álveos alterados. Son aqueles que sen se ver afectada a calidade da auga, sofren a presencia de obstáculos, como os encoros que cambian o seu hábitat físico e, desde o punto de vista ecolóxico, supoñen un factor tan importante como o da contaminación. Nesta situación atópanse os álveos da conca do Miño-Sil que teñen unha perda importante de peixes migratorios autóctonos, e do Mandeo que conta con moitas minicentrais hidroeléctricas afectando a poboacións migratorias e mesmo residentes nalgún tramo.