A divulgación. A cor da ciencia

Manoel Toural Quiroga
Coordinador de Cultura Científica e Comunicación (ICP-CSIC)

TEQU (ilustracións)
 


Os resultados da actividade científica e tecnolóxica teñen unha repercusión indiscutíbel nas sociedades “occidentais”. A presencia da ciencia e as súas aplicacións podemos apreciala na saúde, a alimentación e a vivenda, tamén no transporte, as comunicacións e o lecer, así como no traballo, a economía e o meioambente. Non embargantes, o seu reflectido é nulo na cultura cidadá polo que se fai indispensábel ampliar a educación científica da poboación e proferir o uso dos meios de comunicación, co que se denomina “Comunicación Pública da Ciencia”.

Nunha sociedade como a actual, onde as aplicacións da ciencia e a tecnoloxía están presentes no cotián de cada individuo, é de soma importancia a divulgación dos achados científico-tecnolóxicos. Este plantexamento cobraría toda a súa transcendencia, se a opinión e a participación dos cidadáns tamén estivese na base de calquera decisión política para representar de verdade e consecuentemente os intereses e necesidades da colectividade no seu conxunto. Nada novo, como por outro lado sinalan de maneira ambigua as cartas magnas da maioría dos estados. Non obstante, e se o anterior se cumprise, a información realizada polos profesionais dos Meios de Comunicación Social faríase indispensábel para elaborar un canle educativo sobre o que discurrira a comprensión do valor de posuír unha cultura científica imbricada nas necesidades da sociedade.


Cultura e coñecemento científico

Pódese definir a cultura como o conxunto de expresións simbólicas, pautas de conducta e xeitos para actuacións prácticas que están na base da comunicación e a acción, e que serven como ferramentas para a organización e o entendemento social. Así, podemos dicir que a cultura asemellase ao linguaxe no sentido que pode empregarse para distintos tipos de mensaxe, e medra a súa importancia en proporción ao número de persoas que o empregan. A cultura sempre é compartida: os coñecementos, as linguas, a resolución dos problemas e conflictos, etc. Por conseguinte, tamén podemos definir á cultura científica como ferramenta de comunicación e acción práctica, resultado do coñecemento de contidos e da aplicación concreta do método científico das ciencias.

A cultura científica debe de ser útil a todas as persoas, tanto a nivel individual como ao conxunto da sociedade. Nunca debería desenvolver a súa acción  co carácter que se nos presenta na actualidade: non só coñecer contidos escolares ou noticias de ciencia e tecnoloxía, se non máis ben tratar de pór ao alcance das persoas a información, as ideas e a capacidade para pensar e actuar a partir de "illotes de racionalidade", tal como os define o físico, filósofo e matemático Gerard Fourez, e que deberían de se construír partindo de experiencias e prácticas.

É importante que a cultura científica constitúa un recurso educativo amplamente difundido en base a catro razóns esenciais.

A primeira, construír unha base de coñecementos científicos (illotes de racionalidade) que nos permitan buscar e entender a información adecuada que non posuímos. A cultura científica consiste en "saber facer" máis que “posuír”. A segunda permitiranos avaliar alternativas tendo en conta xeitos que están máis alá das percepcións inmediatas. Coa terceira das razóns comprenderemos que os coñecementos científicos axúdannos a ter mellores criterios de previsión e seguranza. Por último, e unha vez interpretados os modos e os procedementos utilizados polos principais protagonistas da actividade científica, os investigadores e os técnicos, co fin de illar os problemas e plantexar resolucións, debemos de tentar a súa aplicación en temas distintos do contexto orixinal para o que foron criados.

A distribución deste recurso manifestase dun xeito moi desigual entre a poboación. De maneira preocupante podemos observar que as catro quintas partes da poboación teñen pouco ou nulo acceso á chamada "cultura científica" e tal carencia conduce a unha serie de desvantaxes para toda a sociedade. Un importante sector da poboación non atinxe os coñecementos científicos ou o fai de maneira incompleta ou distorsionada, nin dispón dos recursos e beneficios prácticos  que aquí chamamos cultura científica, tampouco non ten claras motivacións para mudar a súa situación. Paralelamente, existen outros sectores urbanos que pola súa educación, os seus antecedentes ou polas súas capacidades económicas están máis convencidos das bondades da educación e a cultura científica. Acostuman ter un bo acceso ás fontes do coñecemento, até tal punto que chegan a emendar as deficiencias escolares dos seus fillos con clases particulares, enciclopedias, libros, Internet, etc. Estes grupos minoritarios, digamos que constitúen unha quinta parte da poboación.

En relación cos baremos de "desenvolvemento humano", é de sinalar que Galiza posúe cifras moi desfavorábeis nos indicadores de aproveitamento educativo para a inmersión en cultura científica. Convén lembrar que aqueles estados que incorporan a ciencia como cultura obviamente contan cos índices máis altos en calidade de vida. Tais son os países escandinavos, Australia, Suíza, Alemania.


A cultura científica

Podemos dicir que a cultura científica xurde en Europa como a meados do século XIX, sempre vencellada ao poder político. Desta forma a comunicación dos avances científicos efectuábase, fundamentalmente, entre pares e aínda que variou co paso do tempo este modelo segue imperando na formulación de requirimentos por parte das sociedades contemporáneas, onde a actividade científica está institucionalizada, financiada en grande medida polo Estado e mantendo estreitas conexións con outras institucións de carácter privado. Sendo iso a principal causa dunha deficiente difusión da cultura científica.

Varias razóns póñense de manifesto, a aplicación dunha política de clases nos planos educativos e de difusión, lacras dunha tradición señorial, así como carencias na formación de educadores e divulgadores a varios niveis. Por conseguinte, os coñecementos desexábeis e adecuados varían considerablemente entre os distintos estratos sociais.

A crenza relixiosa, xunto co dominio señorial e unha tradición moi arraigada do saber corporativo, contribuíron a desvalorizar secularmente os achados científicos, desde o século XVII. Isto moi o pesar dos intentos reformadores da Ilustración e o Liberalismo que tiveron escasa presencia política e histórica na península, onde sempre prevaleceron as correntes conservadoras opostas ao espírito modernizador que sostiña a importancia das ciencias.

 En Galiza aínda existen principios que permaneceron até fai ben pouco tempo, como por exemplo "as letras son para os señores". Pois houbo saberes prohibidos e establecéronse xeitos aconsellados e desaconsellados de acordo con cada clase social.
A cultura científica é a comprensión da dinámica social da ciencia, nunha interrelación de productores de coñecementos científicos coa sociedade á que pertencen, ambos como partícipes do devir da cultura en xeral, formuladores de significados cuxas orixes e xustificacións proveñen desde distintas prácticas, intereses, códigos normativos e relacións de poder, entendéndose como un devir continuo.

E necesario discutir a interconexión entre os distintos procedementos de construcción da cultura científica da sociedade, onde interveñen tanto os procesos de comunicación dos resultados como os valores científicos, o coñecemento popular, a percepción social das controversias entre peritos, ou a construcción social de interpretacións sobre distintos xeitos relativos ao coñecemento mesmo.

A cultura científica da sociedade concretase en como os individuos se relacionan coa actividade científica. Unha persoa con cultura científica require contar con información pero tamén cunha preparación e xeitos que lle permitan situar o coñecemento na súa esencia e o seu sentido. Entendemos que isto significa unha capacidade de análise e contextualización  que acontece no mundo da ciencia.

A cultura científica vai máis alá que a “alfabetización” en ciencia. Dados, conceptos, teorías, inventos, etc. forman parte da información mínima dun cidadán educado. Pero o concepto de cultura científica transcende o copio de información que podamos adquirir, que ademais sempre será pouco para o caudal de coñecemento científico acumulado pola humanidade tan só nas últimas décadas. Máis que o coñecemento, a comprensión da ciencia como producción intelectual e social é fundamental para pensar na cultura científica do cidadán do futuro.