O mareante Sarmiento de Gamboa

Manoel Toural Quiroga
TEQU, ilustracións



Pedro Sarmiento de Gamboa

a Rafael Toural Dapoza, xeofísico galego en Chile

Quan pouco estímanse as riquezas
que non son manxar qando hai fame
 
Pedro SARMIENTO

Artígo publicado en  A NOSA TERRA (nº 1376)

Lembrado no cono Sur, como Ulises de América e Cabaleiro de Galicia, Pedro Sarmiento de Gamboa foi un dos aventureiros máis importantes de todos os tempos. A súa peripecia vital representa un repto para os nosos guionistas cinematográficos, sen necesidade de recorrer a esquemas hollywudenses.

Traballou como aguzado profesional ás ordes de Felipe II, sen se considerar en ningún momento servo seu. Se algunha vez se someteu á vontade real foi no seu propio interese.

Espírito libre, atraído  polo mar até morrer nel. Autentico furavidas e dotado dunha grande formación intelectual. Varios dos seus biógrafos dixeron que foi científico, matemático, inventor, cosmógrafo e sobre todo mareante excepcional. Todo isto é certo, ademais foi necromante e bruxo, e estivo a punto de ser queimado na fogueira en Lima, pola Inquisición coa que tivo varias tirapuxas. Unha delas foi cando Sarmiento sinalou por primeira vez a situación xeográfica de Australia, á que denominou como Terra Grande do Sur.

Rúbrica

Até agora, ningún historiador ocupado na súa figura puido determinar a data e lugar do seu nacemento. Para algúns, naceu en Alcalá de Henares, para outros, os menos, en Pontevedra. A data tamén foi fonte de especulación: ¿1530 ou 1532?.
Aquí queremos reivindicar a paternidade galega e constatar que estamos diante do mareante e explorador máis importante da nosa historia.


Galiza, Europa e España
A maioría das fontes indican a orixe española de Sarmiento. Non é certo, naceu en Pontevedra o 18 de agosto de 1530, fillo de Bartolomé Sarmiento e a bilbaína María de Gamboa. O sartego paterno atopase na Basílica pontevedresa de Santa María a Maior, ostentando o escudo dos Fonseca. Da fachada principal deste templo dixo Cunqueiro que a patinara o vento do mar ou a ollada dos que chegaron, en naves, desde afastados portos, coa morriña da vila natal. Aquí sería baptizado o fillo.


Santa María a Maior. Pontevedra

Estudiou grego, latín, francés, itálico, matemáticas e cosmografía na Universidade de Lovaina e non en Alcalá de Henares, como creen algúns. Foi condiscípulo e amigo do matemático e astrónomo español, Juan de Rojas e Sarmiento. Descoñecemos se existían lazos de familia.

Sartego do pai de Sarmiento
Rematados os seus estudos en Flandres, alí mesmo alistouse para combater en Alemania e en Italia, entre 1550 e 1555.

Con 25 anos partiu cara as Indias, segundo el a buscar como ser aproveitado. Enrolouse nunha Armada que ía a México con novas dotacións militares. Antes de saír, aínda tivo tempo para sacar o título de Piloto da Carreira de Indias, na Casa de Contratación de Sevilla.


México, Guatemala e O Perú
Ao chegar a México, deixa a milicia en canto se decata da grande riqueza cultural dos pobos que estaban a ser sometidos á coroa española, decidindo exploralos pola súa conta.

Percorre as selvas de Guatemala, enchoupándose nas pedras milenarias dos maias, cos que conviviu algún tempo. Máis tarde (1557), fixa a súa residencia en Lima frecuentando ambientes mariñeiros. Realiza varios viaxes polo Pacífico como piloto. Tamén aparella embarcacións que efectuaban travesías clandestinas a España con ouro, prata e pedras preciosas e que non ficaban rexistradas nos asentos oficiais da Coroa. Deste xeito granxeouse a amizade do Vicerrei que o introduce entre a alta sociedade limeña.

Derrotando polo Estreito de Magalláns. O. W. Brierly

Axiña dáse de conta da ignorancia e superficialidade cortesá e bota man dunha das súas habilidades: decide converterse en mago como forma de se gañar o sustento.

Comeza fabricando unha tinta máxica para escreber cartas de amor capaces de entusiasmar ás mulleres (analfabetas a maioría) a quen se dirixían as misivas. Logo inventa uns elos que se habían de mercar por pares. Un para o home e o outro obsequiado á dama desexada, a cal caería desmaiadiña aos seus pés. As artes despregadas por Sarmiento espertaron tal interese e conmoción que todos solicitaban dos seus servicios.

Destes mesteres viviu até que foi requirido polo inquisidor Xerónimo de Loayza, o 2 de decembro de 1564, para lle abrir Causa de Fe pola fama suscitada. Acabado o proceso, Sarmiento abxurou sen maior problema de todo o demandado polo tribunal. O 24 de maio de 1567, foi condenado a reclusión e posterior desterro. Non embargantes, obtivo do inquisidor que lle alzase a reclusión e lle conmutase o desterro, dándolle a cidade de Lima por cárcere. Pouco despois, conseguiría licencia para ir ao Cuzco no que restaba de ano. O anterior fala con claridade da súa intelixencia e xeito.

En novembro deste mesmo ano, embarcase en Lima como segundo do capitán Alvaro de Mendaña para explorar as illas Salomón e dinos: souben de moitas terras incógnitas até min non descubertas, por onde moitos procuraran chimparse e nunca se atreveran. Neste derroteiro sitúa,  cartográficamente e por primeira vez, a illa de Australia sen que Avendaña dea creto ás súas observacións, provocando fortes desavenzas entre ambos e sendo denunciado ao seu regreso ante o Santo Oficio, negándolle tamén este, a veracidade da descuberta.

Capas dos libros de Sarmiento


O novo Vicerrei, atraído polos seus coñecementos encárgalle participar na Visita Xeral, efectuada entre 1570 e 1575 ao interior do territorio Inca. Estas Visitacións facíanse para xustificar legalmente a conquista dos territorios ocupados. A Sarmiento isto serviralle para afondar no estudo da cultura Inca. Froito desta labor escribirá o libro Historia dos Incas, que non foi publicado até 1906 en Inglaterra. En 1942 apareceu unha edición en Bos Aires, e en España en 2007 (!).
O 7 de agosto de 1579 é condenado de novo, por seguir empregando as súas artes. Está vez a sentencia será unha encomenda: pola experiencia que se sabe ten da mar e das navegacións delas, para que fose a descubrir o Estreito de Magalláns que acababan de sulcar atrevidos piratas estranxeiros, e verlle e medirlle e saber como corre e en que graos está.
No decurso desta expedición e para resolver problemas de navegación, inventa un aparello para medir a distancia angular da lúa ao sol. Sendo o primeiro en determinar a lonxitude no mar desta maneira.

Inglaterra, Francia e o Mar
Á súa volta a España en 1586 e tras o seu segundo derroteiro ao Estreito de Magalláns en busca de axuda para os colonos que non esquecera, é apresado preto das illas Azores por barcos ingleses e logo conducido até Inglaterra. En outubro dese ano é presentado á raíña Isabel coa que mantén unha longa entrevista en latín, por dúas horas e meia. A soberana, abalada pola súa sabedoría outórgalle a liberdade encargándolle unha misión confidencial para Felipe II, que probablemente puidese evitar (Arquivos de Simancas) a desfeita posterior (1588) da Armada Invencíbel


Sarmiento a Felipe II solicitando axuda para os colonos

 En decembro, camiño de España e cruzando territorio francés é prendido por hugonotes en Baiona, sendo encadeado baixo a acusación de papista. Mentres se tramita a súa liberación pasará tres anos na cadea. A autoridade real española consideraba moi alto o prezo do seu resgate.
Cando sae en liberdade en 1590 atopase encanecido, sen dentes e tolleito. Morreu no mar fronte á costa de Lisboa, o 17 de xullo de 1592, pouco antes de cumprir os 62 anos. Fora nomeado Almirante e voltaba a marear. Os seus restos mortais están en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz).


Derroteiros do Estreito de Magalláns

Esta misión, encomendada pola Audiencia e polo vicerrei, consistiría en erixir no Estreito un par de cidades fortificadas para evitar e protexer a navegación ante os ataques de piratas británicos, que como Drake frecuentaban e utilizaban os seus múltiples canais como refuxio. Para iso, ordena-se-lle o estudo de tan estratéxico paso e que erga Carta Xeográfica para garantir unha navegación segura.

O Estreito de Magalláns onte e hoxe

 Sarmiento realiza esta exploración  entre os anos 1579 e 1580, deixando un rigoroso estudo científico: Viaxes ao Estreito de Magalláns, publicado en 1768. Finalizada a viaxe, pon rumbo a España para dar conta ao rei Felipe II das conclusións do mesmo. Informado o monarca da necesidade de fortificar o Estreito, decide a creación dunha armada a cuxo fronte sitúa como Capitán Xeral, ao español Diego Flores, nomeando a Sarmiento Gobernador e Poboador das novas terras. 18 naves parten de SanLúcar de Barrameda, o 9 de decembro de 1581. A medida que a expedición avanza e as dificultades marítimas aumentan, xorden enfrontamentos entre Sarmiento e Flores. A pesar diso, completamente minguados e con só 4 buques, chegan á embocadura do estreito o 17 de febreiro de 1583. Nese intre, Flores decide abandonar e tornar a España, ao considerar a derrota por estas augas moi perigosa. Sarmiento non se arreda, e penetra unha vez máis no Estreito fundando a primeira cidade naquelas latitudes, con 338 persoas. Durante o inverno, unha treboada arroxa as súas naves ao Atlántico, perdendo así todo contacto cos colonos que fican illados. Acollese en Río de Xaneiro solicitando insistentemente á coroa meios para voltar na súa axuda, sen o conseguir. Todos os colonos menos un pereceron no longo inverno austral por fame e friaxe. O lugar é hoxe coñecido como Porto da Fame.