Un modelo de pervivencia do culto ás pedras en Pastoriza

Iolanda Dessensberger Dacal
TEQU (ilustracións) 

Conxunto megalítico de Pastoriza


Contra il non poideron en Galiza 
nin concilios nin homilías, nin disposicións penitenciais nin excomunións, 
chantando- ó cabo- cruces por riba delas para cristanizar un culto 
que chegou deica hoxe vencellado á relixión triunfadora. 

Taboada Chivite

De todas as nacións e rexións que conforman a península ibérica, Galiza é a que máis riqueza sacral manifesta desde a antigüidade e a que de maneira máis viva conservou os seus mitos e crenzas. Universalmente coñecida e visitada desde a Idade Meia por ofrecer ao mundo unha creación sociocultural como é o románico e unha invención adaptada ao cristianismo froito do seu imaxinario máis inmemorial co suposto achado dos restos do Apóstolo Santiago.

En Galiza o cristianismo tan só representa a última capa de verniz, a que está por riba, a máis superficial, pois detrás de cada crenza e costume nos atopamos sempre cunha anterior e así sucesivamente até nos perder na noite dos tempos. Alá onde existe unha fonte consagrada á Virxe, antes no mesmo sitio os romanos puxeran a súa dedicada ás ninfas, e á súa vez aí é onde os galaicos mantiveran un culto á fertilidade, etc. e etc. En Europa tamén existen multitude de emprazamentos que demostran estas mesmas crenzas. De maneira máis concreta no noso país danse varios exemplos e entre estes lugares de culto atopase o dedicado á Virxe, en Pastoriza, ás aforas da cidade de A Coruña.


Santuario de Pastoriza

 A pesar de ter sido un dos primeiros territorios onde máis cedo penetrou o cristianismo e á vez que abundante en milagres, reliquias, crenzas, curiosamente Galiza é polo contrario o país menos cristianizado de toda a península. Aquí os feitos milagrosos non están dotados desa fe nítida no sobrenatural nin na ortodoxia católica que conteñen en outras zonas, senón que máis ben chegaron até nós mesturados dunha serie de crenzas e supersticións ancestrais, ao mesmo tempo que presentan unha maior unidade encanto á difusión de mitos e costumes. A diferencia de España onde subsisten centros milagrosos moi localizados, en Galiza non é así, pois aquí os mesmos costumes practícanse con diversas variantes e en multitude de parroquias por todo o territorio.


Pastoriza

O Monte da Cruz
O berce da Virxe
A cadeira do Rei
A cinco quilómetros de A Coruña, na parroquia de Pastoriza (Arteixo) e no lugar situado no Monte da Cruz onde aínda se poden ver os restos moi deteriorados dun antigo castro, atopase o asentamento megalítico formado por unha pequena cova coñecida como O berce dá Virxe e un dolmen sinalado como A cadeira dó Rei, onde segundo a lenda sentaba o rei suevo Requiario. Dominando o conxunto, desde 1887 achase unha escultura de granito representando á Virxe que xunto coa Torre de Hércules contemplase como un dos dous faros que protexen á cidade de A Coruña. Este lugar constituirá para nós un claro exemplo de superposición das distintas crenzas no devir dos tempos.

Baixada ao Santuario de Pastoriza
Partindo deste punto e tras andar uns cinco minutos baixando por unha empinada escada e rampla lastrada chegamos o santuario de Pastoriza, unha construcción de estilo barroco do último tercio do século S. XVII, ergueito sobre as ruínas dunha primitiva ermida do século XI ou XII e da que tan só se conserva un tímpano por detrás do altar.






A lenda

A orixe e a devoción que desde fai moito tempo se lle ven dedicando á Virxe de Pastoriza están envoltas por infinidade de lendas. Unha delas refírese ao templo que foi ergueito polo rei Requiario, primeiro monarca católico do mundo, no ano 448 a raíz da súa conversión polo bispo de Braga Balconio, probábel priscilianista segundo o investigador alemán Benedikt Vollmann. A ermida inicial seria destruída polos normandos no século X e sobre estas ruínas ergueríase a posterior igrexa románica. A imaxe orixinaria da Virxe sempre ficaría a salvo unha vez agachada na cova que alá había. Supostamente máis tarde esta figura sería atopada por unha nena que apacentaba o gando no Monte da Cruz. Iniciase así desde entón o rito devocional ao que asisten durante todo o ano os fieis católicos e moi especialmente o día do Arcanxo San Miguel. Casualmente algúns santuarios tamén ligados á imaxe de San Miguel, como o do Mont Saint-Michel en Francia, érguense próximos ao mar sobre antigos lugares precristiáns indoeuropeos vencellados a supostas propiedades terapéuticas ou fertilizadoras.

A Lenda da Pastoriza. 1887
Á construcción deste mito tal como o coñecemos na actualidade contribuíu a escritora Emilia Pardo Bazán coa publicación en 1887 do seu libro A lenda da Pastoriza onde narra a grande devoción que os coruñeses profesaban á virxe de Pastoriza, en particular os artesáns da cidade e as traballadoras da fábrica de Tabacos xa desaparecida. Para Pardo Bazán isto equivalería ao que puidéramos chamar a Monserrat galega.

Pardo Bazán lembra no seu libro que segundo a lenda o milagre tivo lugar en 1589 cando se produciu a invasión inglesa do corsario Drake. Uns soldados sacarían fora da igrexa á figura da virxe para a chimpar preto da fonte e esta partiríase en dous. Milagrosamente a imaxe fracturada voltouse a recompor o cal foi motivo de pasmo provocando a fuxida dos soldados sen causar ningún dano máis á cidade de A Coruña.

Traballadoras na Fábrica de Tabacos de A Coruña

 Semella ser que da talla orixinal da Virxe e do primeiro templo soamente ficaría un anaco de madeira e algunha das súas vestiduras así como unha pequena lápida do século IX conservada no modesto museo do santuario actual.


A cristianización dos vellos espazos pagáns

Aínda que a cristianización dos lugares pagáns non se dá só nas crenzas grecolatinas senón tamén noutras culturas orientais é sen embargo o cristianismo quen xerarquizou e lexislou con maior profundidade neste sentido.

No ano 380 d. C o emperador Teodosio I (378 - 395) declara ao cristianismo niceno como relixión oficial do Imperio Romano mediante o Edicto de Tesalónica ou Cunctos populos (Cód. Teodosiano XVI, 1, 2) onde consta :

Edicto dos emperadores Graciano, Valentiniano (II) e Teodosio Augusto, ao pobo da cidade de Constantinopla.

Queremos que todos os pobos que son gobernados pola administración da nosa clemencia profesen a relixión que o divino apóstolo Pedro deu aos romanos […]segundo a doutrina apostólica e a doutrina evanxélica creemos na divindade única do Pai, do Fillo e do Espírito Santo baixo o concepto de igual maxestade e da piadosa Trindade. Ordenamos que teñan o nome de cristiáns católicos quen sigan esta norma, mentres que os demais os xulgamos dementes e tolos sobre os que pesará a infamia da herexía. Os seus lugares de xuntanza non recibiran o nome de igrexas e serán obxecto, primeiro da vinganza divina, e despois serán castigados polo noso propia iniciativa que adoptaremos seguindo a vontade celestial.


Mentres tanto as novas autoridades cristiás comezan todo un proceso de purificación e metamorfose daqueles lugares antigos dedicados ao culto. Nun primeiro momento, por razóns prácticas e estéticas procurase conservar os antigos templos pagáns. A estas vellas construccións engádeselles un ábside na cabeceira para sinalar claramente o troco na cella dos santuarios pagáns. Así mesmo o emprego do ábside se xeneralizou de tal forma que chegou a ser considerado como un dos compoñentes máis característicos da arquitectura bizantina, románica e gótica.

Nestas edificacións os doutrinarios cristiáns distinguen dous tipos de estructuras. As primeiras que constan de simples adornos merecen ser conservadas. As segundas que representan estatuas das antigas divindades son as que conducen ao paganismo e por conseguinte han de ser destruídas.

Esta práctica de substitución cultural claramente perseguía un fin político e ideolóxico utilizando para iso a simplicidade e a economía de meios. A evanxelización dos pobos resultaba así máis sinxela pois o novo culto suplantaba ao anterior nun lugar que para os fieis xa tiña un especial significado. En definitiva esta suplantación supuña o triunfo da nova relixión sobre a antiga.

[...] e algúns pasan por debaixo...
Como temos dito un dos exemplos máis singulares e rechamantes témolo dentro do noso entorno pois está en Pastoriza na antigo cotarelo onde atopamos reacomodacións de grande antigüidade. Aquí combínanse anacos románicos e barrocos o redor e dentro dun espazo cultural prehistórico.

A cotarelo onde se atopa o asentamento megalítico e o santuario no pasado albergou un oppidum (enclave fortificado) ou castro, onde moito tempo antes (en torno ao 5.000 - 4.000 a. C.) tamén había asentamentos humanos. A existencia dun dolmen na cotarelo deixa claro que o lugar era xa considerado sagrado polos poboadores primitivos.

Actualmente existen multitude de tradicións que xiran en torno ás máxicas pedras que ben puidesen ser eco dos antigos ritos e costumes. Moitos son os visitantes que se achegan a estes lugares en busca de axuda. As mulleres e os homes ritualmente pasan por embaixo do dolmen coa crenza de que isto favorece a fertilidade e nalgúns casos tamén coa fe de curar as súas doenzas. No día de San Miguel cando se celebra a tradicional romaría os devotos dan tres voltas o redor das ditas pedras e algúns pasan por embaixo e beixan a imaxe da Virxe que forma parte do enclave.


O culto ás pedras

Xeografia. Basilea, 1571
O primeiro texto conservado que menciona o costume de venerar ás pedras dentro do noso país atopámolo en Estrabón (Xeografía, vol. III) que o recolle de Artemidoro, un viaxeiro que percorrería Galiza no século II a. C.: […] E afirma que alá non se ve un santuario de Hércules […], se non pedras que xacen agrupadas en grupos de tres ou catro por moitos lugares […] lles dan a volta segundo un costume ancestral e entón voltan a xiralas tras ter realizado libacións.

Despois dunha paulatina penetración do cristianismo nos territorios do imperio romano, as autoridades eclesiásticas implicáronse nun primeiro momento en prohibir e anatemizar calquera tipo de ritual precristián tal como o culto ás pedras que ao semellar tiña grande arraigo popular no NO peninsular.

Un dos primeiros personaxes en se destacar acerca de esta labor foi Martiño de Dumio (ca. 512 - ca. 579), responsábel da organización do monacato galego, así como da conversión do rei Teodomiro (559) e do pobo suevo, quen xa no II Concilio de Braga (572) presidido por el mesmo e na súa obra De correctione rusticurum (574) condena como segue: Porque acender candeas xunto ás pedras […] , que outra cousa é se non culto ao diaño?.

Codex Vixiliano ou Albeldense (detalle do índice dos Concilios)

A pesar de que as prohibicións e condenas aos veneratores lapidum que irán en aumento co paso do tempo e tal como fica reflectido en distintas Actas dos Concilios de Toledo, os que van do III en 589 ao XVIII en 702, non semella conseguirse o fin perseguido. Pola tanto as mesmas autoridades eclesiásticas deciden incorporar estes e outros rituais precristiáns mantidos desde sempre á ortodoxia católica como formando parte do cerimonial concernente a cada localidade específica (Pastoriza, etc.).

O mesmo Martiño foi un dos primeiros en adoptar medidas de asimilación ao ordenar que se derruben o menor número posíbel de lugares nos pagáns e que sobre eles se coloquen reliquias para mudar o seu obxectivo.