Lucía Castro Riogó
TEQU (ilustracións)
Galiza (foto TEQU) |
Este vaise i-aquel vaise,
e todos, todos se van:
Galicia sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non ten pais.
E tés corazós que sufren
longas ausencias mortás
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.
Rosalia de Castro
A terra estivo ligada ao home nas súas distintas fases de evolución, sendo o meio no que se desenvolveu a sociedade humana e a vida en xeral. Durante milleiros de anos foi o principal meio de producción e só desde finais do século XVIII, a industria baseada na manufactura substituíu en parte a súa importancia. Foi a base da recolleita (caza, froitos, pesca), a fonte principal da alimentación, da agricultura, da facenda, das materias primas industriais e da farmacoloxía.
A denominada Economía Política foi a que introduciu os conceptos de minifundio e de latifundio para así diferenciar a realidade atopada nos distintos marcos xeográficos de explotación agrícola.
Históricamente o minifundio e sobre todo a dependencia externa constituíron o principal obstáculo para o desenvolvemento da forza social e productiva de Galiza, impedindo o uso social e económico dos nosos recursos naturais, negando o emprego á poboación, acernando ao máximo as posibilidades dunha industria, unha ciencia, unha tecnoloxía e un sistema educativo propios. Ademais, foi o factor determinante do subdesenvolvemento secular, do atraso e da miseria, ao extremo de que, se non se enfronta impulsando a nosa propia forza de traballo colectiva, nunca se poderá pasar a un nivel de desenvolvemento e progreso acorde coas nosas necesidades reais.
De igual maneira que noutras entidades nacionais subordinadas e periféricas, a orde cultural comunitaria e autónoma existente en Galiza desde a antigüidade foi brutalmente destruída, e a terra convertida en meio de acumulación de riqueza e de poder para unha minoría, e de explotación e miseria para a maioría dos seus habitantes condenandos á emigración.
Definición
Armesto. Lugo (foto TEQU) |
Orixe
As raíces do minifundio en Galiza atopámolas na evolución da sociedade feudal. A súa difusión está polo tanto estreitamente vencellada aos acontecementos históricos e políticos que afectaron ás distintas rexións de Galiza, para diferentes niveis de organización da sociedade rural, tanto xeográfica como cronoloxicamente. Na Idade Meia, a unidade económica básica en Galiza sitúase nos continuos enfrontamentos nobiliarios causados en moitas ocasións pola liorta xurisdiccional de supostas ou non concesións de Inmunidades.
Tumbo vello. Lugo. AHN |
Os nobres e a Igrexa que eran os donos da terra, despregaban contra os seus vasalos dereitos e deberes; o deber de protexer e administrar a terra, o dereito a obter unha parte dos bens producidos e o de explotar os recursos naturais como a caza. Para a xente común ficaba reservado o dereito de recollida da leña e nalgúns territorios, sen terras cultivábeis, o de pastoreo. A sociedade rural estaba composta fundamentalmente de labregos libres, de servos e artesáns. A estructura económica organizouse de tal xeito para facer fronte a unha economía endogámica.
A Coruña (Foto TEQU) |
O florecemento do comercio e outras actividades económicas como a pesca, principalmente en zonas costeiras como Pontevedra ou A Coruña, atraeu a un grande número de labregos do interior de Galiza que socavaría o equilibrio sobre o que descansaba a organización da economía, baseada nas continuas liortas señoriais. Cando a actividade pesqueira comezou a ter unha grande puxanza, os eclesiásticos tamén quixeron cobrar unha parte das ganancias aos mariñeiros, mediante a estipulación dun diezmo de mar esixido á chegada dos barcos ao peirao. Neste período os portos pesqueiros galegos máis importantes localizábanse no interior das rías. Os mariñeiros, para evitar o pago, desembarcaban a súa mercadoría noutros lugares da costa, o que deu orixe á creación de novos portos, o de Burela, o de Gondomar ou o de Muros.
Obriga ao diezmo (s. XV) AHN |
Sería á chegada da Orde do Cister a Galiza cando se implante a nova forma de contrato agrario coñecido como Foro, que estaría vixente até o século XX. Era un contrato a longo prazo, por tres ou catro xeracións, que supuña a cesión dun espazo de terra a cambio dunha renda anual; a décima parte (o Diezmo) i en especie. Ademais implicaba o recoñecemento do señorío por parte do campesiñado.
Desta maneira, o labrego seguiría ligado aos mesmos poderes que no pasado e ademais segurabase a supervivencia xeración tras xeración do foro, pois se permitía o paso de pais a fillos. Co aumento da poboación e coa característica de que o foro tamén obrigaba a varias xeracións de labregos, as terras serían divididas cada vez máis, dando orixe ao minifundio e ao concepto de casa.
Foro. Lugo (s. XVI). AHN |
Desenrolo
O minifundio é un tipo de explotación arcaica, cun nivel técnico moi rudimentario, xa que a súa conformación non permite introducir técnicas modernas. A base do minifundismo acostuma ser familiar e autárquica e a súa economía complementase, nos casos nos que resulta posíbel, con actividades non agrícolas para poder incrementar os ingresos familiares. Nel, predominan polo xeral os cultivos tradicionais de subsistencia, e se unha parte da producción se comercializa, é ante a necesidade de obter os ingresos monetarios indispensábeis para a adquisición dalgúns artigos manufacturados esenciais.
Os problemas que presentan as zonas cunha elevada porcentaxe de minifundismo son de tipo social i económico. O primeiro aspecto provén do baixo nivel de vida e as malas condicións sanitarias e culturais que o predominio do minifundio traen aparellados para o campesiñado. A incapacidade das pequenas explotacións para proporcionar ocupación e ingresos suficientes ao núcleo familiar ven en xeral asociada a un grao importante de paro encuberto e a unha resolución parcial a través da emigración.
No segundo aspecto, pode sinalarse que o minifundismo representa un obstáculo considerábel para o desenvolvemento da agricultura, en especial porque a súa configuración impide aos cultivadores introducir novacións técnicas (mecanización, rego, loita contra a erosión, as pragas, etc.) que permitan aumentar o rendemento e a productividade.
Os males da agricultura minifundista agrávanse cando unha excesiva e sucesiva partilla rompe a unidade técnica das explotacións. Galiza é neste senso un caso típico. Así, en Pontevedra, a superficie meia das parcelas era en 1972 de 0,17 há, en A Coruña de 0,21 há, en Ourense de 0,23 há i en Lugo de 0,47 há.
A distribución da propiedade en pequenas fincas ven acompañada en zonas próximas da existencia de grandes latifundios. Na Galiza, onde o fenómeno minifundista atinxiu grande intensidade, apareceu sorprendentemente asociado coa presencia do latifundio en España (Castela), á que serviu como reserva de man de obra de baixo custe.
A solución da cuestión do minifundismo foi abordada desde ópticas diversas. Algúns países modificaron radicalmente a estructura da propiedade da terra mediante reformas agrarias, dando paso a formas de explotación colectiva que constituíron casos notorios. Non embargantes, as reformas agrarias, en moitos casos, tenderon a consolidar o minifundismo máis ca eliminalo .
Debuxo de Luis Seoane |
Na Galiza, se deixamos de lado os intentos reformistas da 2ª República, o problema foi abordado desde o punto de vista técnico, sen afectar á estructura da propiedade territorial, mediante a política de concentración parcelaria realizada a partir de 1953.
Desde fai algúns anos impulsouse unha esaxerada e absurda concentración parcelaria para servir os intereses empresariais nacionais e sobretodo multinacionais. Nalgunhas zonas, pasouse do minifundio a unha especie de macrofundio, convertendo ao propietario da terra, sen o expulsar dela, a ser traballador por conta allea obrigándolle a sementar productos que son alleos case sempre á tradición e ás necesidades do propio terreo. Esta situación é tamén unha nova forma de expulsión.