Hugo de Santalla. Tradutor e protocientífico galego (II)

Manoel Toural Quiroga
TEQU (ilustracións)

Espádua (Galiza e Spania)


Cando falamos de Hugo de Santalla referímonos tamén á forma na que se plasmaba a labor intelectual na Europa cristiá no século XII. A súa obra é representativa do mundo sociocultural da súa época: como se desenvolveu, que fins perseguía e a que intereses servía.

Historicamente o intelectual é educado dentro dunha sociedade concreta polas clases dominantes, para entón ser utilizado na perpetuación e consolidación deses mesmos estamentos, mediante a reproducción das constantes ideolóxicas que consolidarán o seu poder o través do controlo social. Salvo raras excepcións, a eleizón e o compromiso do intelectual coas clases empobrecidas non comezaría a desenvolverse até o século XVIII, chegando a materializarse coas reivindicacións e revolucións do século XIX e XX.

O crego Hugo de Santalla é figura representativa dese ilustrado da primeira metade do século XII. Até entón, eran os monxes quen impartían os ensinos dentro das abadías, ocupándose á vez doutras moitas tarefas. Cultivaban a terra, dedicábanse á artesanía e á alquimia, exercían a farmacia e a medicina, facendo mesmo de soldados, administradores e xuíces. Ao mesmo tempo, coa aparición das cidades, serán os primeiros profesores das escolas catedralicias e logo das universidades.


As distintas acepcións do apelido

Na primeira parte deste traballo, falábamos das dificultades coas que se atopaba aquel que se achegase á figura de Hugo de Santalla, asentándonos tanto na escaseza de fontes como na dispersión das mesmas. Agora habemos de engadir outro inconveniente: a diversidade de patronímicos cos que se designa a Santalla nos distintos documentos a el atribuídos e que entorpecen aínda máis a labor de investigación.

O estudo máis importante que se fixo en torno á figura do monxe galego Hugo de Santalla é moi antigo. Foi publicado en Nova York en 1911 polo primeiro medievalista estadounidense e asesor do presidente Woodrow Wilson, Charles H. Haskins, na revista The Romanic Review II: The translations of Hugo Sanctallensis. Existe outro estudo máis xenérico onde tamén se reflicte a importancia de Santalla: A Group of arabic-latin translators working in Northern-Spain in the mid-12th Century de C. S. F. Burnett, publicado no Journal of the Royal Asiatic Society no ano 1977.

Charles H. Haskins en The Romanic Review II (1911)
O artigo de Haskins extrae, dos diversos códices examinados até entón, distintas acepcións para o apelido Santalla: Sanctalliensis, Sanctallensis, Sanctelliensis, Sanctellensis, Sanctaliens, Sandaliensis, Satiliensis, Strellensis e o provenzal Satalia que suxerirá ao autor unha posíbel orixe no Sur de Francia. Aínda que sinalando tamén que este apelido é común no noroeste de España. Aos anteriores, habería que engadir dous mais: Satilliensis e o italianizado di Santalla precedido de Ugo.

Deténdonos só no nome podemos apuntar a posibilidade de que Santalla fose bautizado ou rebautizado tras a súa entrada na abadía de Samos. Probablemente os monxes désenlle o nome de Hugo polas súas aptitudes e intelixencia, atendendo ao significado do hipocorístico de orixe xermánica, é dicir minuciosidade, razón, intelixencia que define a aquele coñecido pola súa sabedoría e lóxica racional. Como curiosidade tamén diremos que un dos corvos que acompañaban ao deus pagán protoxermánico Odin chamábase Hugínn, Pensamento.

A razón desta diversidade onomástica podería estar relacionada por un lado coa moda do momento: os santos máis venerados e os personaxes da nobreza, e polo outro co distinto código ortográfico empregado polos transcritores.


O uso do apelido comeza a ser común a partir dos séculos XI e XII para acentuar as diferencias entre as persoas, pola súa procedencia, pola súa profesión, etc. Copistas, escribáns e notarios medievais serían os primeiros en reflectir os apelidos xunto co nome nos documentos e nos libros. Os primeiros apelidos documentados son os pertencentes a persoas da curia e da nobreza. Pouco despois tamén aparecen rexistrados os de persoas vinculadas ás asociacións gremiais e os das familias propietarias ou arrendatarias de terras para segurar a sucesión hereditaria.

Non será até o século XV cando o Cardeal Cisneros estableza a obrigatoriedade de reflectir nos libros parroquiais o nome e o apelido dos individuos, tanto ao seu nacemento como na súa defunción. Non embargantes, haberá que esperar até o último tercio do século XIX para que o estado lexisle o uso e o carácter hereditario do apelido paterno, fixando a grafía coa creación do Rexistro Civil en 1870.


As razóns para traducir

Durante o século XII o dereito canónico e o dereito feudal, que até entón situábase no plano dos hábitos ("non hai terra sen señor"), acaba de se modelar como corpo normativo nos reinos cristiáns europeos, caracterizando  aos primeiros estados. O Estado constituirase criando figuras penais xa existentes. Tipificando e configurando crimes para os reprimir dáse consistencia a si mesmo. As novas institucións estatais dótanse de dubidosas ferramentas probatorias do delicto como a tortura e as diversas "artes" divinatorias transmitidas polo legado árabe desde a antigüidade. Deténdonos un intre, podemos observar que aínda persisten moitas destas prácticas na actualidade.

Privilegium Imperatoris Afonso VII
 Curiosamente foi máis represivo o período transcorrido desde a Baixa Idade Meia até a Idade Moderna, que o denominado como a Alta Idade Meia. O anterior obrigaría a matizar o aserto sostido por moitos autores dun suposto renacentismo en todas as ordes a partir do século XII. Non debemos deixar de lado que é a partir deste momento cando en Europa encétase unha sociedade represora e que dura até a actualidade. É tamén cando a intolerancia toma corpo dentro da cultura cristiá, capaz de recluír primeiro e máis tarde expulsar ou exterminar a determinados grupos sociais (xudeus, leprosos, homosexuais), considerados como indesexábeis ou heréticos. As distintas "técnicas probatorias" usualmente son utilizadas polos tribunais para demostrar a culpabilidade.

A partir do século X, tras a desintegración do Imperio Carolinxio, son as abadías e os mosteiros os únicos baluartes da civilización. Eclesiásticos como o bispo de Tarazona Miguel Cornel vanse ocupar de regular a moral e a disciplina en todas as ordes da vida social. Por esta razón, os prelados da época contrataran os servizos de tradutores para levar a cabo unha serie de transcricións de obras escritas do árabe ao latín e que servisen como suporte ideolóxico en distintos ámbitos: educativo, xudicial, etc.


Rota (Rueda de Jalón)
Por último, e contrariamente á opinión sostida polo común de que a labor levada a cabo polos tradutores medievais se realizaba en equipa, pensamos que esta se realizaba de forma individual, ben que nalgunhas ocasións e por razóns contractuais podían chegar a colaborar. Tamén semella ser que por outro lado existía unha grande concorrencia entre eles para se gañar os favores dos poderosos. Un exemplo de iso atopámolo un século máis tarde referido á nosa personaxe: o tradutor, arcediago de Oviedo Alvaro, criticaba a labor de Santalla definíndoa como a dun "Fatuo latino corruptus".


As traduccións de Santalla

Até o presente son doce os traballos que podemos atribuír con seguranza a Hugo de Santalla. Traducidos, e nalgúns casos comentados por el, son os seguintes manuscritos:

Tractatus de motibus planetarum
O libro sobre astroloxía Tractatus de motibus planetarum, do astrónomo persa máis importante do século IX, Abul'l-Abbas Ahmad ibn Muhammad ibn Kathir al-Farghani (805-880), nado en Fergana, Uzbekistán. Coñecido como Alfraganus ou Alfergani, mediu o diámetro da terra, e inspirado no Almaxesto de Ptolomeo, describiu no seu Tractatus (833) o movemento dos obxectos celestes. A obra foi traducida ao latín por Santalla e tivo grande influencia na astronomía Europea até a aparición do astrónomo alemán Johann Müller Regiomontano (1436-1476). Un cráter lunar recebe o nome de Alfraganus, en honra deste precursor.

Sobre a arte de adiviñar feitos futuros individual ou socialmente e facer prediccións meteorolóxicas por meio da escápula dun ovino, coñecida co nome de escadulomancia, chegou até nós a traducción de Santalla: Tractatus de Spatula (1140), do que se conservan dúas copias. Un manuscrito atopase en Oxford (MSS Ashmole 342, s. XIV, folios 38-40) e o outro en París na Bibliotheque Nationale (Lat. 4161, s. XV, folios 68-71). Esta traducción ben pódese ter sido feita da do filósofo árabe ao- Kindi (s. IX): Risala fi ´ ilm al-katif (Tratado sobre a ciencia da espádua) que contén varias referencias á Spania árabe.

Este e outros textos sobre o tema semellan ter tido a súa orixe na Spania musulmana. Os hispanoárabes estableceron analoxías entre o mapa da península e o da espádua de año. Existen códices medievais que debuxan cidades de Spania como Toledo, Córdoba, Xaén ou Sevilla e tamén rexións como Galiza, delimitada pola separación da escápula.

Geomantiae Nova
Tras a ocupación militar de Rota (Roda de Xalón) en Zaragoza, polas tropas cristiás do rei de Galiza, de Castela e de León, Afonso VII, proclamado emperador dos reinos Hispánicos na catedral de León polo papa Gregorio VII, semella ser que Hugo de Santalla se encarregaría de traducir ao latín os manuscritos árabes atopados.  sobre meteoroloxía traduciría o Liber Imbrium (Libro da chuvia), escrito por Albumasar. Tratase dunha especie de enciclopedia de antigas pautas para prognósticos a corto e longo prazo, onde Santalla intercala opinións próprias. Esta obra, xunto con outras, foi atopada nunha biblioteca da localidade de Rota. Santalla sinala -nolo no prefacio: onde se atopaba un: armarium roten-se no fondo máis segredo da biblioteca: "inter secretiora bibliotece penetralia".

Por outro lado, seria moi probábel que fose Hugo de Santalla quen introducise no mundo cristián o sistema de adiviñación pola area (ilm al-raml) e tamén o que dese o nome de xeomancia á arte de compor figuras xeométricas a partir de puntos e riscas. Nun texto de Isidoro de Sevilla, falando de Varrón, atoparía Hugo vocábulos como hidromancia, aeromancia, piromancia ou xeomancia que máis tarde utilizaría no seu traballo. De xeomancia ocupouse Santalla en dúas ocasións. A primeira no texto Ars Geomantiae e a segunda na Geomantiae Nova.

De nativitatibus
En 1145, aínda forma parte do cabido de Tarazona, traduce o Fructus ou Centiloquium, colección de aforismos falsamente atribuída a Claudio Ptolomeo, e unha serie de obras de astroloxía, de xeomancia e de alquimia como o Liber Aristotilis, o De nativitatibus obra, igual que o Liber ymbrium atribuída a Abu Mashallah.

Por último traduciu o tratado de alquimia, atribuído a Hermes Trismexisto: Liber de secrete naturae et occulte rerum cause, coñecido tamén como Tabula smaragdina e do que imos a ocuparnos ofrecendo unha traducción do latín ao galego se cadra por primeira vez.