Aínda que a miña vida

Lois Gómez Viral
Dora López (ilustracións) 



Tolos ante o medo do pasar. Intres que doen, que nunca se detiveron a ser semente. Espazo que retorna para non deixar de se reencontrar na procura. Achado pequeno reloxo onde o deserto tamén pode ser a dúbida capaz de resolver a fatiga das paisaxes  alteradas pola sombra da materia, cada día.



Non hai poder alá no fundo
A nosa terra atravesando tras unha estrela incerta
Deixade
Espera a orde humana o vello afán
Deixade que aínda estoupe
Espasmo no pasado
O tempo así pasa no ar
A madrugada que che chama
 E desde o río co pó do pasado
Espera a luz que beixa e morde
Sendo o engano
A indiferenza e a verdade
O soño gastado
Furacán cando a noite está lonxe tan lonxe
Como o silencio cas súas torres de fume.

Cando doe a tola soberbia da terra
Era aquel poder da area
A noite como unha primavera
Quizais fose verdade
Espida retórica nudez que fulxe
Entre a area que fica aínda.


Aloro o descanso que fica aínda
Oculto no deserto dos meus osos
É forte profético o formigo
O pobo do que me chegaron
Primeiros os beixos e a primeira chuvia
Auga figueira onde as cousas me pasan
A febre íspeme aquela febre
Onde os ritos me afogaban
Coa súa forma de graza e mentira.

Aínda non adultos xa navegabamos
Sen deus sen nubes sen torturas
Auga doce ladeira outonal
Onde só achamos
O froito das lembranzas sen valor.




Nunca descansa o tempo
Como o fan os corpos
Xa destruídos da materia
Aquel páramo onde todos
Descabalgamos para voltar sendo
¿Quen sabe o que?

Carne escrava do tempo
Roupaxes sen ningún destello
De esperanza
Os reinos e as estrelas son iguais
Nesta chaira sen preguntas
Febre ao fin
Da tristura.


A natureza a súa queixa agora as súas asas
O xenio da botella que nunca existiu
Marabilla na beira que se adianta
na beira das treboadas
Multiforme arco das multitudes
Desencaixadas polas palabras e os acenos
E xa de novo na beira
Convertidos na espuma avesía
Do desterro ti asa sen forma.



Sombra no dor acedo da confusión
Sendeiros co alento da morte
Talleres da herba intres renovados
Onde a luz afastase a presa definitiva
Para cada un
Berrando moi alto
Ante esta nova virxindade.