Os Árabes e a Rota Xacobea

Manoel Toural Quiroga
(texto e ilustracións)

Santiago galego do Codex Calixtinux
A cultura musulmana, cristiá e xudea de Spania así como a cultura cristiá e xudea de Galiza compartiron costumes durante oito séculos. Naquel tempo histórico as distintas comunidades convivían e relacionábanse trocando coñecementos e mercadorías, se ben é certo que tamén se produciron accións bélicas, aínda que case nunca estiveron suxeitas ao coñecido estereotipo reconquistador de mouros contra cristiáns, senon que os enfrontamentos debían de adaptarse a calquera alianza posíbel: musulmáns contra musulmáns, musulmáns e cristiáns contra cristiáns ou musulmáns, e cristiáns contra cristiáns. O estudo da realidade cotiá da sociedade da época permítenos ademais desmitificar crenzas que aínda hoxe seguen arraigadas.

Unha construcción sociopolítica como a Rota Xacobea, producto da xenial operatividade do noso pobo, elaborada entre os séculos IX e XII, foi utilizada con posterioridade para descontextualizarnos historicamente como colectivo nacional. A invención orixinal converteuse en mito ideolóxico dunha realidade allea a Galiza, plasmada na nova ficción do Santiago matamouros por parte da autoritas cristiá, como ferramenta para conquistar o espazo hispánico. Curiosamente, é nese intre cando tamén comeza o declive das peregrinacións.


Relevancia da relixión

No medievo, a relixión era determinante como guieiro de cultura e pensamento. A maioría dos fenómenos existenciais explicábanse só a través da óptica relixiosa. Así, cando nos achegamos a un ámbito sociocultural, como é o da peregrinación a Compostela, descubrimos fragmentos dese contexto.

O pesa almas da catedral compostelá
A igrexa medieval aseguraba a vida das persoas mediante a administración sacramental, regulando a súa experiencia vital desde o nacemento até a morte e mesmo no máis alá. En consecuencia, a igrexa realizaba prácticas que revestían grande importancia a nivel popular, como a de considerar santos a persoas que polas súas calidades podían actuar de intercesores ante Deus. Nesta atmósfera xurdían novos cultos capaces de organizar a vida social. O mesmo que aos apóstolos de Xesús se lles recoñecería a súa santidade en toda Europa, localmente aparecían numerosas figuras dotadas con virtudes específicas para cada lugar. Producto desta actividade sería a aparición de reliquias de santos. Para recibir favores e indulxencias, aquelas xentes tiñan que dar esmolas caritativas e venerar as reliquias, pois críase que a peregrinación a un ponto concreto era de grande beneficio espiritual. A igrexa establecía a periodicidade de cada indulxencia.

Sendo Xerusalén o lugar sagrado máis importante pero tamén o máis difícil de atinxir, en Europa nacen dous centros de pelerinaxe que responderían ás expectativas: Roma e Compostela. Na primeira decidiuse que estaban depositadas as reliquias de San Pedro e San Paulo e na segunda que se atopaban as de Santiago “O Maior”.

Convén dicir con claridade que até agora non se coñece ningún autor nin documento que entre os séculos IV e VIII faga mención á praedicatio de Santiago, á traslatio dos seus restos nin tampouco ao seu enterramento, tanto en España como en Galiza. A inventio da localización sepulcral do apóstolo no primeiro tercio do século IX (Concordia de Antealtares, 1077), sitúa a descuberta da reliquia por parte do bispo de Iria Teodomiro, avisado polo eremita Paio, nun antigo cementerio pagán coñecido co nome de “compositum”, común a outros lugares de Galiza e de escuro significado toponímico. O rei galego Afonso II (749-842), convidado polo bispo, visitará o lugar para dar testemuña e edificar unha capela dando comezo á visitare loca sacra, cun marcado acento local.


Orixe da urbe Compostelá

En torno á reliquia, custodiada polo bispo de Iria e os monxes de Antealtares, xunto cunha poboación heteroxénea procedente doutros lugares de Galicia, irá medrando o burgo compostelán. Nese momento, París e Londres aínda eran poboacións case descoñecidas achándose nas máis absolutas condicións de insalubridade e primitivismo.

O Santiago español matamouros
No 862, Ordoño I trasladará a sede catedralicia de Iria a Compostela. Logo, Ordoño II no 915, ao obxecto de atraer a outras xentes de fora de Galiza, outorga o privilexio de conceder liberdade de residencia á persoa que permanecese na cidade durante 40 días sen ser reclamada. Pouco a pouco o peregrinus (o estranxeiro) afluirá até aquí.

Tanto a urbe como o santuario adquirirán unha grande relevancia política e social non soamente en Galiza e Spania, senon tamén en toda Europa. É en Compostela onde serán coroados os reis galegos. De resultas deste impulso, a cidade foi atacada polas tropas de Almazor no 997 aliado con autoritas galegas que estaban a disputar a competencia compostelá. Só o lugar sagrado foi respectado. No 1075, o bispo Diego Páez dará comezo ás obras de construcción da catedral románica, en cuxa sede o arcebispo Diego Xelmírez consagrou rei de Galiza a Afonso Raimúndez (1111), continuando a tradición. Por estas datas redixese o Codex Calixtinus e o papa Alexandre III concede o privilexio do Ano Santo Xacobeo (Regis Aeterni, 1181). A lingua galega flúe socialmente con naturalidade e a peregrinación reviste carácter internacional.

O culto que establece o contacto con Europa presenta carís positivos e negativos. Por un lado, estimula a vida económica de Galiza e o desenrolo dunha importante rede urbana articulada en torno á Rota. Por outro, a chegada de estranxeiros supón a introducción dunha mentalidade intolerante e bélica característica das cruzadas.

Actividade comercial
Da man dos cabaleiros, os monxes cluniacenses veñen a reformar a vida relixiosa co desexo de facer o voto empuñando a cruz e a espada. Todo isto comeza a ser frecuente a principios do século XIII para desembocar na creación do Santiago matamouros, que ademais de sinalar o declive das peregrinacións converterá á figura do Apóstolo no patrón da España unitaria e até a actualidade.


Roteiros e camiños

O período de máximo esplendor comercial, cultural e político de Spania foi o coñecido como Califato Omeya (929-1031). A súa capital, Córdoba, seria unha das cidades culturais e financeiras máis importantes do mundo e Spania sería considerada como a primeira economía comercial e urbana de Europa tras a desaparición do Imperio Romano.

Antes de que esta potencia atinxa o seu máximo desenrolo, érguese en Galiza un espazo anovador que vertebra por primeira vez en Europa unha alternativa capaz de neutralizar a puxanza do mundo musulmán. As razóns de que aquí se constitúa agora un novo centro quizais radique en que Galiza tiña xa asentada de antigo unha estructura política herdada do espazo suevo (Parochiale sueuum), única en Europa, que facilitaría as relacións co veciño hispánico antes que outras monarquías continentais. Deste xeito o troco comercial ficaba garantido dando paso á libre circulación de culturas, pondo en entredito a idea de Reconquista falsamente tecida por algúns historiadores.

Mapamundi Galiza e Spania (anónimo de Ravena, s. VII)
A Galiza non só acudían peregrinos á reliquia senon que tamén chegaban outros viaxeiros para aprender e recibir digamos a nova tendencia. Nada estraño polo común ao que acontece na actualidade con outras metrópoles.
Séculos antes de que existise a cuestionada Escola de Tradutores de Toledo, presentada como paradigma de entendemento entre as tres culturas, en Compostela probabelmente xa se dese esa convivencia. Galiza, o finisterrae do mundo coñecido, representaba o centro metropolita do continente e outros reinos europeos patrocinaban e fomentaban o peregrinatio.

A nosa lingua que atinxirá a súa normalización no século XII, será xunto co árabe o vehículo de comunicación utilizado pola corte nas súas relacións con Spania e con Europa.

Antes de ser transitados os camiños da peregrinación, as fontes históricas e arqueolóxicas desvélannos a existencia dunha vella rota entre Emerita Augusta e Asturica Augusta (Astorga, en Galiza) frecuentada polos comerciantes e intelectuais árabes.
Uns e outros desprazábanse por Al-Balat (O Camiño) transitado xa por fenicios, gregos e romanos. Unha confusión fonética fai que na actualidade o coñezamos co nome de Vía da Prata. Esta era a única vía de comunicación que desde a antigüidade unía sul e norte peninsular.


Sabios árabes en Compostela

Canto de Gazal (Spania, s. XIII)
Das bibliotecas europeas podemos extrair información de grande interese. Ofrecemos aos leedores de ANT un primeiro achegamento á Bibliothèque Nationale de París (BNF) e á (SLUB) de Dresde. Estas calas revélannos que non só comerciantes musulmáns visitaban Galiza senon que tamén o facían intelectuais. Podemos comentar acerca dalgunha delas.

O embaixador, astrónomo e poeta xienense Yahya ben Hakam (770?-864?), de lendaria e libertina vida, coñecido co sobrenome de Al-Gazal (a gacela), díxose que pola súa beleza, pero como apuntan outros estudos tal vez por ser considerado cantor de Gazal (diálogo amoroso cunha dona), estilo poético aínda vixente no Iraq e Arabia Saudita. Foi embaixador na corte de Bizancio ante a emperatriz Teodora, antes prostituta e logo mártir. Visitou Compostela en dúas ocasións. Da primeira fálanos Anselmo López Carreira en "O Reino Medieval de Galicia" (ed. A Nosa Terra, 2005). A segunda vez fíxoo acompañado por un descoñecido Al-Atiz, e confirma a veracidade da primeira: "[…] foron a Santiago en Galiza, alá dous anos despois de o estar " (Abu Ubayd, s. XI en SLUB).

Capa do libro Al-Tasrif (trad. latina)
Tamén visitou Compostela, o científico e médico cordobés Abu Al-Zahrawi (936?-1013?), pai da cirurxía moderna pola súa obra Al-Tasrif. Traducida ao latín foi utilizada como libro de texto médico nas Universidades Europeas desde o século XII ao XVII. Anedoticamente diremos que nesta obra describe como terapia a tradición de levar flores aos enfermos. Acudiu a Compostela para se atopar con outros sabios: "[...] convocados polo galego Vilasio (???)" (en BNF, 43021B).

Para rematar, temos que engadir que o Arquivo Histórico Nacional de España garda verdadeiros tesouros documentais, froito sen dúbida do espolio levado o cabo nos mosteiros galegos e pendentes aínda por investigar.